Concello e Comunidades de Montes de Carnota toman nota dos coidados do Monte Cabalar na Estrada
Segue o concello de Carnota dinamizando o seu agro. O pasado 19 de novembro, unha representación de 10 membros das directivas das Comunidades de Montes do Concello de Carnota (Mallou- Maceiras, Caldebarcos, San Mamede, Adraño e Cubelo), así como os representantes do Concello, na figura do seu alcalde Ramón Noceda e o concelleiro de promoción económica, Antón Beiro, visitaron a Cooperativa Monte Cabalar, no municipio da Estrada.
Esta saída intégrase na guía de visitas que se está a planificar dende o Concello, dada a necesidade da posta en valor dos montes para contribuír á mellora do medio rural, a través do aproveitamento dos recursos e o mantemento da calidade ambiental e coa pretensión última de revitalizar a mancomunidade de comunidades de montes. Nesta liña, desenvolveranse unha serie de visitas a aquelas comarcas ou localizacións que estean desenvolvendo experiencias similares.
Visita ao Monte Cabalar
Na Cooperativa Monte Cabalar, o grupo carnotán foi atendido por Fuco Barreiro, presidente da entidade, quen lles indicou todas as accións e iniciativas que están a levar a cabo, tanto no eido da recuperación do uso tradicional do monte, como no do seu aproveitamento silvopastoril.
Xa sobre o terreo, desenvolveuse unha visita guiada ás instalacións así como ás zonas de pastoreo e monte, na que se indicaron os espazos de aproveitamento sustentable do monte, coas conseguintes repoboacións forestais e a solta controlada de gando vacún de raza galega (Rubia galega e Caldelá, elixidas grazas á súa capacidade de adaptación aos terreos con escaseza de pasto e de resistencia ao frío do inverno).
Tamén se amosou a explotación de rabaños de cabuxas, que foron descendendo co paso do tempo. Inicialmente, no nacemento da cooperaiva, aló polo 2005, contaban cunha cabana de 360 cabezas, que na actualidade se reduce a 100, debido aos ataques do lobo, á difícil adaptación ás condicións, ás enfermidades e ao roubo de años, que reduce a reposición a mínimos.
Actualmente, a liña que se está a rendibilizar é a do gando cabalar, composta por exemplares de pura raza galega, que están a explotar nunha superficie de 600 Ha, onde localizan pasto e instalacións, dun total das 1400 Ha coas que conta a cooperativa.
Desta explotación, derívase a producción de embutidos de carácter artesanal (damos fe da súa calidade), que se están a comercializar por toda Galicia, con incursións noutras rexións de España, incluso de forma internacional, como comenta Fuco, a Holanda, grazas á presenza do proxecto en multitude de foros e feiras ás que asiste.
A xornada rematou nun restaurante local, onde os participantes puideron apreciar a calidade das “crocas” da Candelá.
Novas relacionadas
- Carnota tamén quere ampliar os seus horizontes no seu agro.
- Carnota revive o seu agro.
- A Raínha Lupa revive cun Mercado Ecolóxico en Quilmas.
- Os dirixentes aprenden o significado da sustentabilidade nas Aulas Costa da Morte en Carnota, Laxe e Zas.
- Carnota custodia o territorio.
- Especialistas internacionais introducirán a construción ecolóxica na Costa da Morte.
- Unha poesía inédita de Vicente Risco e Otero Pedraio sobre o Monte Pindo.
- A Costa en Verde, con Lorena Martínez: As cifras do Prestige.
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Carnota.