Xoves. 28.03.2024
El tiempo

De cañeiras e de esterco

De cañeiras e de esterco
Pedrafigueira (Carnota) en 1924 nunha fotografía de Ruth Matilda Anderson na que podemos ver unha cañeira coa sucesión de moreas de esterco Pedrafigueira (Carnota) en 1924 nunha fotografía de Ruth Matilda Anderson na que podemos ver unha cañeira coa sucesión de moreas de esterco

Por estas latitudes de Galicia ás rúas que configuran o tecido viario das aldeas chámaselles CAÑEIRAS. Pero cal pode ser a orixe desta denominación?

Sen estar moi claro o asunto, a hipótese máis plausible é a seguinte.

Cando se mallaban os cereais cos mallos, despois de retirar a palla para os secadeiros ou para facer os palleiros; ademais do grao, quedaba moito ghaspallo na eira: as arghanas, as vaíñas que protexían os graos, anacos de palla,… Todos estes restos recibían o nome de CAÑO. Para que o cereal fora perdendo todos estes sobrantes había que escribalo, é dicir, aventalo ata que quedara limpo. O caño era apartado para un curroucho da eira onde despois de podrecer era utilizado como fertilizante. A esta morea de caños chamábana CAÑEIRA. As rúas dos lugares nunha época indeterminada, por extensión recibiron o mesmo nome; xa que a semellanza do chan no que podrecían as moreas de caños, estrábanse con toxos o mesmo que as cortes para que co tránsito de carros, persoas e animais, e sobre todo coas circunstanciais deposicións destes últimos, aumentar a cantidade de esterco dispoñible.

Resolta esta dúbida, aínda que sexa moi ao pentenecho; hoxe queremos lembrar aquelas cañeiras que os veciños cubrían de mato periodicamente para facerse con máis esterco; un ben sempre escaso nos tempos en que este era o único fertilizante para que as colleitas agromaran e se lograran axeitadamente. Ás veces cando o esterco non chegaba podíano mesturar con batume aínda en verde, que noutros lugares chaman estrume.

Temos que dicir que o esterco das cañeiras era de moi pouca calidade, estaba moi lavado pola auga da chuvia e polas escorrentías, a súa materia orgánica era escasa, mais a necesidade obrigaba a aproveitar tódolos recursos.

As cañeiras eran espazos públicos, pero á hora de estralas e de recoller o produto deste traballo, estaban repartidas entre os veciños. Cada un utilizaba as que tiña fronte ás diferentes propiedades que posuía. Cando as beiras dunhas cañeira determinada pertencían a casas diferentes tiñan que dividila pola metade. Se os lindes entre propiedades eran fonte de problemas, o reparto das cañeiras tampouco estaba libre de dificultades. A modo de exemplo podemos traer aquí unha denuncia formulada no pleno do Concello de Mazaricos do 23 de decembro de 1932. Nesta sesión deuse conta dunha instancia “suscrita por Antonio Baña Martínez, vecino del lugar de Quintáns, quejándose contra su convecina Soledad Jurjo por haber extendido porción de esquilmos en la vía pública frente a la casa que habita el exponente, solicitando visita de inspección”. A denunciada era miña bisavoa e, aínda que consultei un bo número de actas posteriores, quedei sen saber como acabou o conto.

As cortes axiña se enchían de esterco a pesar de que, en moitos casos, eran bastante fondas, polo que moitas veces había que dispor unha boa morea de mato, a modo de rampla, despois da estradeira da porta para que puideran acceder ao seu interior persoas e animais. Cando xa estaban acughuladas de esterco era preciso chotealo para buscarlle outro acomodo. Había casas que tiñan algunha corte baldeira ou un suleiro grande onde o podían amontoar ao resgardo da chuvia, pero se non contaban con estas posibilidades, tiñan que amorealo nas cañeiras, normalmente pegado á parede da casa ou dalgún alpendre ata o momento en que fixera falla para este ou aquel cultivo. Estes traballos de traslado acostumábase facelos cunha ancarella; unha especie de padiola suxeitada por dúas persoas: unha diante e outra atrás.      

Algúns labradores para que este esterco colocado á intemperie conservara mellor as súas propiedades fertilizantes, tapábano dos efectos da chuvia cunhas panadas de batume ou cunha cobertura de mulime.

Así que nas cañeiras, a maiores do esterco en proceso de formación, tamén se atopaban estas moreas en espera da primeira sementeira. Moreas que, cando se amontoaban nos meses máis fríos, fumeaban durante varios días debido ao contraste de temperaturas.

A xente deixou de estrar as cañeiras a finais dos anos sesenta do século pasado ao diminuír as necesidades de esterco coa incorporación progresiva dos fertilizantes químicos. Coa construción das cortes modernas durante as dúas décadas seguintes, rematou por desaparecer definitivamente ao substituírse pola xurra. Definitivamente? Non, definitivamente non. Sempre quedan casas, as menos, remisas a todo tipo de cambios; e aínda nas outras, nunca falta un cocho por aquí ou por acolá con algúns animais miúdos deitados en cama de batume ou herba; o que dá como resultado un pouco de esterco para o que é doado atopar un cultivo máis prezado onde empregalo.   

Agora é moi difícil ver esterco nas cañeiras das nosas aldeas: nin na súa superficie, nin amoreado contra as paredes. As dúas imaxes que ilustran estas liñas devólvennos a un tempo e a unhas maneiras que xa desapareceron para sempre. A primeira imaxe é da fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson e foi realizada na súa viaxe a Galicia de 1924. Representa a aldea de Pedrafigueira (Carnota) onde podemos ver ao longo da cañeira as sucesivas moreas de esterco. A segunda foi feita no lughar de Beba (Mazaricos) en 1969 por José Fariña Tojo. Aquí, ademais do montón de esterco, observamos o estrado da cañeira.

Beba (Mazaricos) en 1969 nunha instantánea realizada por José Fariña Tojo. Ademais do montón de esterco, observamos a cañeira estrada. Beba (Mazaricos) en 1969 nunha instantánea realizada por José Fariña Tojo. Ademais do montón de esterco, observamos a cañeira estrada

Imos rematar cunha composición rimada que o noso poeta popular JOSÉ CAMBEIRO CARREIRA (o Oleiro de Xián) versificou seguindo o estilo das cantigas tradicionais, e coa súa graza habitual. Déixovos con ela:

O ESTERCO DAS CAÑEIRAS

Recordando anos atrás: mallábase o centeo nas eiras, sachábase o millo ó sacho e o mato nas cañeiras.

Agora chámanse rúas antes eran as cañeiras, onde se facía o esterco para abonaren as leiras.

Cando o mato estaba verde tiñas que andar con coidado: cos zocos desamalloados caías estomballado.

E de mato nas cañeiras estaban cheas as aldeas; o esterco non era bo, usábase pras aveas.

Se das aveas sobraba aproveitábase todo, ía pra dentro da corte: facíase esterco novo.

E as raspas que sobraban tamén as aproveitaban, ían pro herbal sen rega e ben que se lle notaba.

Cóntaslle esta historia ós mozos e quedan pra ti mirando: este vello xa chochea de que me estará falando?

E o vello sen palabras queda mirando ó rapaz: ¡Deus queira que este mundo non dea volta pra tras!   

  

    

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

https://quepasanacosta.gal/nicanor-villar-martinez-un-mestre-e-ex-alcalde-de-mazaricos-asasinado-en-1936/

Comentarios