xoves. 10.07.2025
El tiempo

Entra en funcionamento a zona azul na rúa Eduardo Pondal de Ponteceso para promover o comercio local

Entra en funcionamento a zona azul na rúa Eduardo Pondal de Ponteceso para promover o comercio local

Xa está en funcionamento a nova zona azul da rúa Eduardo Pondal de Ponteceso. O Concello concluíu a sinalización e a colocación da sinalización na contorna, que dispón de dúas zonas diferenciadas: unha para estacionar un máximo de 90 minutos e outra pensada para paradas rápidas de 15 minutos (neste caso, dirixida a carga e descarga ou para a realización de trámites áxiles). En todo caso, ambas serán 100% gratuítas, debendo dispor os condutores dun disco de control de horario ou dalgún outro elemento no que se marque a hora de chegada.

Con esta medida, que xa está en marcha, o alcalde, José Manuel Mato, busca "xerar unha rotación de vehículos para compatibilizar o estacionamento dos residentes coa mobilidades dos visitantes”. O obxectivo é "estimular o consumo no tecido económico local, especialmente agora que está en funcionamento a campaña de comercio”.

O horario de limitación será de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas (agás en días festivos) ata o 15 de setembro. O resto de meses será de 9.00 a 15.00 horas. Os condutores terán que colocar o disco de control coa hora de chegada nun lugar visible. Antes de que comezase a funcionar esta zona azul, o Concello dispuxo dun novo aparcadoiro disuasorio na rúa Paseo Fluvial, en pleno núcleo urbano, e con capacidade para 80 coches.

Comentarios