Luns. 07.10.2024
El tiempo

Denuncian actos vandálicos no Monte Pindo

Gravado de metal no Monte Pindo
Un 21 de metal, cravado nunha cachola do Castelo de San Xurxo
Denuncian actos vandálicos no Monte Pindo

Aló no alto do Castelo de San Xurxo, no corazón do Monte Pindo, estes días uns camiñantes atopaban esta curiosa estampa. Un sinal de metal, cun 21, cravado con parafusos na mesma pedra.

Non é fácil de ver porque está dentro dunha cachola, na parte oeste que mira a Fisterra, hai que rubir polas pedras para velo. Por iso boa parte da comunidade da zona non coñecía o suceso, como nos confirma o Policía Local de Carnota, gran coñecedor do Olimpo Celta, ou a técnica de turismo dumbriesa Ada González.

En calquera caso, segundo nos informa Xil Caamaño, da Asociación Monte Pindo Parque Natural, este acto vandálico leva xa arredor de 10 anos. “Xa fixemos denuncia ante o Seprona no día, pero non soubemos máis”.

Non foi a única denuncia que fixo a entidade nos últimos tempos. Parece que trala denuncia do paso de quads e motos polos carreiros, a cousa mellorou. “Pero algúns seguen dedicándose a pintar nas pedras ou ou marcar na pedra dibuxos, nomes, etc…” lamenta Caamaño.

gravados salvaxes no Monte Pindo
Salvaxadas feita na laxe da Moa

Alí, preto de San Xurxo hai algunha pintada e mesmo un gravado, cun cincel de batería, terrible.

Tan grave é o gravado que fixo algún “animal” no campo da Raíña Lupa, na muralla da Moa, moi preto do sendeiro, recollendo o que parace un animal prehistórico…

Tamén o Xigante da Mina estivo pintado no seu momento, pero xa se conseguíu limpar bastante ben o graffiti de mal gusto, e mesmo nas pedras de Panchés, algún amago de grafiteiro deixou a súa pegada.

”Hai moita labor de concienciación que facer”, sinala Xil, que tamén fai fincapé no tema do lixo. “Hai pouco, nunha camiñada, sentamos a descansar no Curro Seixiño, e miramos polos furados das pedras e estaban cheos de pedras, latas… Cada vez que subimos acabamos baixando con bolsas cheas de lixo…”

Peñafiel.-Escrituras-danadas 2011.Juan Louro
Cómpre lembrar tamén este suceso, cando as famosas escrituras de Peñafiel foron danadas en 2011. Foto: Juan Louro

Comentarios