Venres. 19.04.2024
El tiempo

Lira achegouse á sostibilidade no mar

Lira achegouse á sostibilidade no mar
O pasado sábado, 23 de xullo de 2011, celebrouse na Confraría de Pescadores de Lira unha xornada sobre o coñecemento ecolóxico tradicional baixo o título Os saberes tradicionais na sostibilidade do mar. Dito acto estaba organizado pola confraría, co financiamento da Consellería do Mar e a colaboración do proxecto europeo Fishernet. Na xornada déronse cita catro poñentes chegados dende diversos puntos do Estado, quen achegaron as distintas experiencias e diversos puntos de vista en canto ao sector pesqueiro artesanal. Fernando Gutiérrez, patrón maior da Illa de El Hierro, amosou a experiencia da Reserva Mariña de La Restinga e o papel determinante que xogaron tanto os pescadores, como o resto de actores locais, sendo hoxe un referente cando se fala de espazos protexidos de interese pesqueiro no medio mariño. De feito, en Lira tomouse como referenza en 2004 a Reserva Mariña de La Restinga para a creación da de Os Miñarzos. Por outra banda, Ginés Díaz, natural de Lanzarote, falou da creación dunha reserva mariña de maior extensión que a que hai na actualidade en Europa, e avogou por un papel participativo e aberto por parte da sociedade. Tamén participou Ramón Tarridas, pescador artesanal de Arenys de Mar e representante dunha asociación de pescadores de artes menores de Cataluña. Os tres conferenciantes aplaudiron o proceso levado a cabo pola Confraría de Pescadores de Lira na creación da Reserva Mariña de Os Miñarzos e animáronos a preservar os recursos. No acto estiveron varios representantes do goberno local, como o alcalde de Carnota, Ramón Noceda. Tamén estiveron presentes varios membros da Asoar-Armega. Todos os asistentes valoraron moi positivamente os contidos da xornada e comprometéronse a seguir traballando na mesma dirección, mantendo contactos permanentes entre eles.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Emilio Louro Milucho.

Comentarios