As Mulleres de Carnota “Xuntas” defenden os seus dereitos

Non acompañou o tempo esta mañá de domingo. Pero as mulleres de Carnota non desistiron da súa acción polo 8M. Despois de representar unha simbólica cadea de mulleres no areal de Carnota nos últimos anos, este domingo a cousa tivo que ficar na Praza da Pedra.
As mulleres da Asociación de Mulleres Feminista Sonlilá leu un manifesto e despois xuntaron as mans para simbolizar que “Xuntas. Defendemos os nosos dereitos”.
Foi o cumio a un programa polo Día da Muller que comezaba cunha divertida e ben interesante timba feminista (onde descubren historias de mulleres impresionantes), e que continuaba no lES de Lamas de Castelo, e dentro do proxecto “Un mar de mulleres” coa confraría do Pindo, cunha charla sobre igualdade para a rapazada.


Manifesto 8M de Sonlilá
Neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, as mulleres galegas saímos ás rúas para reafirmar o poder transformador do feminismo popular e de clase. Celebramos máis dun século de loita feminista, recordando aquel histórico 8 de marzo de 1917, cando as mulleres revolucionarias rusas abriron camiño á acción colectiva fronte ao poder; e na Galiza o marzo de 1918, en que as mulleres de Narón acenderon a chispa que prendeu en moitos concellos da Coruña, coa “revolta das pedradas” contra os acaparadores que condenaban o pobo a pasar fame mentres se lucraban coa escaseza de alimentos. Hoxe, como entón, levantámonos contra un sistema que nos explota, nos silencia e nos condena á desigualdade.
Vivimos nun momento de ofensiva do capital transnacional, que depreda os nosos territorios e destrúe os modos de vida tradicionais, esnaquizando a economía que sostén a vida de miles de mulleres. O patriarcado e o capitalismo aliñáronse para perpetuaren a nosa opresión, relegándonos a roles subalternos e negándonos dereitos básicos. Pero nós non o imos permitir. Organizadas e combativas, defendemos un feminismo anticapitalista, antipatriarcal e antirracista que poña a vida no centro.
Neste 8 de marzo traemos as nosas 8 reivindicacións urxentes para transformar a vida das mulleres:
- Reivindicamos un traballo digno: con salarios dignos en centros de traballo libres de violencias, cunha xornada laboral que nos permita conciliar e termos vida, cunha remuneración igualitaria, con protección para as nosas vidas e con adaptación de medios con perspectiva de xénero, que sexa compatíbel coas discapacidades, coas maternidades, coa lactación, etc.
- Reivindicamos un sistema público de coidados: que atenda en todas as etapas da vida (escolas infantís, atención á dependencia e coidados na vellez tanto no fogar como en centros públicos). Demandamos retribucións e condicións de traballo dignas para as traballadoras do fogar, demandamos tamén que o tempo destinado ao coidado familiar sexa retribuído, teña cotización e acceso a prestacións sociais.
- Reivindicamos o acceso universal a unha vivenda digna. Demandamos a creación dun banco galego de vivenda social cuxo reparto responda a criterios obxectivos e con perspectiva de xénero, demandamos tamén unha rede habitacional de urxencia para mulleres vítimas de violencia machista.
- Reivindicamos un servizo galego de saúde que atenda as necesidades do conxunto da poboación en todo o territorio e que garanta a prevención e a atención á saúde física e mental das mulleres e as nenas. Con especial atención aos dereitos reprodutivos e á eliminación da violencia obstétrica.
- Demandamos o reforzo dos Centros de Información ás Mulleres (CIM), a Rede Galega de Acollemento e o aumento dos recursos para acceso á vivenda das mulleres en situación de violencia, a atención psicolóxica integral na Atención Primaria e reverter a privatización dos centros de crise 24h para vítimas de violencia sexual que o PP puxo en mans de multinacionais.
- Reivindicamos a regularización de todas as persoas migrantes e demandamos a derrogación inmediata da Lei da Estranxeiría e das políticas de fronteira criminais da Unión Europea.
- Aspiramos a construír un novo paradigma de sustentabilidade da vida, cunha xestión pública da auga e a enerxía e unha transición enerxética xusta, social e ambientalmente. Exiximos a paralización dos proxectos extractivistas e de industrias de enclave na Galiza que atentan contra o noso territorio e a vida das mulleres, nomeadamente o proxecto de ALTRI, a Mina de Touro e o cese de actividade doutros proxectos altamente contaminantes e devastadores como a pasteira ENCE. Polo contrario, defendemos un desenvolvemento económico baseado na transformación das nosas materias primas, complementario e harmónico coa produción agrícola, gandeira e mariñeira, que propicie emprego de calidade para que as mozas do noso país non teñan que emigrar.
- Demandamos o cumprimento da lei intregral contra a violencia machista e a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan en todos os niveis institucionais. Exiximos unha resposta social contundente fronte aos discursos de odio e reaccionarios que normalizan a violencia.
As mulleres galegas somos herdeiras dunha longa tradición de loita. Desde as revoltas populares do século XX ata as mobilizacións masivas dos últimos anos, demostramos que a nosa forza colectiva é imparable. Hoxe, fronte á ofensiva do capital e do patriarcado, levantámonos para reivindicar transformacións reais que camiñen cara á superación do marco capitalista actual.
Non nos conformamos con slogans baleiros, campañas baleiras de contido ou falsas promesas. Queremos emprego digno, coidados públicos, vivenda accesíbel, sanidade universal e unha vida libre de violencias. Queremos unha Galiza onde as mulleres poidamos ser libres.
Este 8 de marzo e todos os días do ano, seguiremos en marcha até que todas sexamos libres!
Concentración en Ponteceso
Un día antes, o propio sábado, a Praza do Recheo de Ponteceso acollía a concentración convocada polo colectivo Feminismo en pé.