Martes. 30.04.2024
El tiempo

Sonlilá sacou ás mulleres de Carnota á rúa polo 25N

Concentracion Sonlila en Carnota 25N 2023 3
Sonlilá sacou ás mulleres de Carnota á rúa polo 25N

Ademais dos numerosos actos institucionais, foron 3 as citas convocadas pola sociedade civil arredor do 25N. En Cee era a Buserana á que chamaba á esperanza, coa cultural como aliada, para combater a violencia de xénero. En Carnota eran as Mulleres de Sonlilá as que convocaban unha concentración na Praza da Pedra, ademais de desenvolver dous obradoiros de autocoidado para mulleres da comarca.

Concentracion Sonlila en Carnota 25N 2023

Imprimiron todos os nomes nuns carteis que colgaron na Praza, e leron o manifesto da Marcha Mundial das Mulleres, en colaboración co grupo de Acción Feminista do BNG da Costa da Morte, co lema “A nosa loita é pola vida, Organicémonos contra as violencias machistas”.

Concentracion Sonlila en Carnota 25N 2023 2

MANIFESTO 25N 2023 COMPOSTELA

Nos anos 60, o 25 de novembro as irmás Mirabal, Patria, Minerva e María Teresa, vítimas do feminicidio e da ditadura, foron encarceradas, violadas e asasinadas por mandato do ditador Trujillo na República Dominicana. En nome desta memoria colectiva, neste día marcamos as loitas polo fin das violencias contra as mulleres.

Hoxe en día, podemos afirmar que 2023 foi un ano negro sen dúbida algunha no que se refire á violencia machista. Na Galiza, 2 mulleres foron asasinadas no que vai de ano, e son xa 68 desde que comezaron a contabilizarse os asasinatos machistas. Ademais, máis de 4000 mulleres precisan protección por ver comprometida a súa vida así como das súas crianzas. Estas cifras son aportadas pola Delegación do Goberno, mais nós temos a certeza de que son moitas máis.

Por suposto, non nos esquecemos dos colectivos máis vulnerábeis dende a nosa ollada feminista, incluíndo as persoas migrantes e refuxiadas, as persoas racializadas, as mulleres trans e persoas non binarias, entre outras moitas. Dende aquí, lanzamos o noso grito feminista máis contundente contra o xenocidio machista exercido polo Estado israelí ás palestinas, tanto mulleres como familias e crianzas.

Por iso, loitaremos, outro ano máis, firmes e combativas, día tras día até erradicar calquera tipo de violencia machista. Cada día que pase, berraremos máis forte contra o sistema capitalista, colonial e patriarcal e contra as súas brutais expresións.

Cada berro, cada comentario machista, cada opinión non solicitada, cada mirada, cada fenda salarial, cada desigualdade económica, cada agresión e microagresión, cada violencia sexual e reprodutiva, cada asasinato...son a base que suxeita e perpetúa este sistema de violencias sobre as nosas vidas. Violencias que non sofren só unhas poucas mulleres, violencias que sufrimos todas en cada ámbito das nosas vidas, en cada canto do planeta.

O sistema ensínanos, dende pequenas, o noso rol na sociedade: sermos obxectos de desexo, escravas das tarefas do fogar, recibir unha retribución menor polo mesmo traballo, asumir maior carga mental, facermos responsables de tódolos coidados. Somos as que sostemos o mundo sen ter dereito a vivir nel.

Estamos organizando a resistencia contra un sistema que ten todas as ferramentas e capital do seu lado para asoballarnos, para someternos dentro del. Un sistema que crea engrenaxes que afogan máis e máis as nosas vidas. E non podemos agardar nada de quen serve aos intereses do sistema.

Non podemos esperar nada do papel da Xunta de Galiza de Rueda, que hai un ano sacaba a tan famosa campaña non debería pasar pero pasa, non imos esperar nada dun Partido Popular que se alía e aliña coa ultradereita fascista, que goberna contra as nosas vidas, que xoga coa saúde das mulleres, que perpetúa dende o goberno o machismo máis rancio. Tamén, non imos esperar nada da xustiza ni n das súas leis machistas, as cales invisibilizan e cuestionan as agresións que sufrimos, nin das institucións nacionais e internacionais que non se atreven a actuar contra a violencia patriarcal de forma tallante. Non imos consentir máis retrocesos nin máis machismo nas nosas vidas.

E, non imos agardar máis. Porque se nos vai a vida, porque estamos FARTAS de que nos maten ante a indiferenza absoluta do sistema, fartas de non poder expresar a nosa sexualidade e identidade de xénero como nos peta, fartas de traballar por menos salario e de non poder volver á casa soas, de ser agredidas, maltratadas, asasinadas. Fartas de ter medo. E hoxe dicimos que xa non temos medo, que pasamos á autoorganización feminista e á autodefensa.

Así pois, organizámonos e loitamos como fan as compañeiras da limpeza por un convenio digno, como fan as do Servizo de Atención ao Fogar, como fan as profesoras de educación infantil. Combatemos o sistema como fan as compañeiras das conserveiras, organizámonos como as compañeiras do SERGAS para paralizar o desmantelamento da atención primaria. Erguémonos como as irmás palestinas contra quen nos quere submisas e pasivas. Ante este sistema hostil, SE TOCAN A UNHA, TÓCANNOS A TODAS! Non deixaremos ningunha atrás.

E atoparémonos todas sempre nas rúas, sabendo que calquera mudanza debe ser de abaixo cara arriba, e que a erradicación da violencia machista pasa, necesariamente, pola autoorganización do movemento feminista, o empoderamento colectivo e a autodefensa das mulleres,a solidariedade internacional e a aposta firme do feminismo en calquera eido das nosas vidas.

Querémonos LIBRES, VIVAS, ORGANIZADAS E COMBATIVAS!!

Máis novas do 25N

Comentarios