O goberno de Carnota pide perdón
08:09 26/12/14
Enviaba esta semana o grupo de Goberno do Concello de Carnota unha carta á súa veciñanza na que, entre cousas, pide perdón por non poder levar adiante todo o seu programa electoral. Ramón Noceda, que xa confirmou que se presenta de novo como candidato á alcaldía, bota as culpas á grave situación económica municipal, e mira atrás para falar da siempre devandita en materia política, "herencia".
Aí vos deixamos ca carta completa. Carta do Concello de Carnota
Estimados veciños e veciñas, veciñanza e esta segunda. As difíciles circunstancias vividas no Concello, que todos e todas coñecedes, e a falla de datos económicos concretos fixeron que a presente información se fose atrasando.
Cúmprense xa 3 anos e 6 meses do noso Goberno e todo este tempo serviunos para descubrir ata que punto Carnota enfrontaba unha situación tan crítica que, por veces, mesmo parecía insalvable.
Con esta carta, escrita desde a humildade e tras un profundo exercicio de autocrítica, pretendemos informar a toda a veciñanza dos pasos e das medidas que adoptou este Equipo de Goberno para conseguir que o noso Concello sexa viable.
Primeiro, debemos recoñecer que non conseguimos cumprir moitos dos obxectivos fixados no noso programa, polo que pedimos desculpas. No entanto, cómpre sinalar que en moitos casos ese incumprimento se debeu á falta de solvencia económica do Concello e, noutros casos, á falta de vontade por parte da Xunta de Galicia, como aconteceu coa concentración parcelaria, eixo fundamental para a dinamización económica do Concello. Cómpre salientar tamén que os proxectos que se levaron a cabo fixéronse, a maioría deles, coa colaboración de voluntarios e voluntarias, que foron fundamentais para acadar moitos dos nosos obxectivos, con moi pouco custo para as arcas municipais (Víndemo Ver, recuperación do patrimonio, repoboación nos espazos públicos).
Dende aquí queremos reiterar o compromiso deste Goberno municipal con calquera proxecto para o desenvolvemento económico do noso Concello.
Información económica
En maio de 2011, a débeda do Concello de Carnota case alcanzaba os 5 millóns de euros e comprometía gravemente a súa viabilidade, ante a ameaza dunha posible intervención, coas consecuencias que iso podería ter para a veciñanza. A reforma constitucional do ano 2011 pactada polo PP e o PSOE, que impón entre outras cousas o chamado teito de gasto, obriga a que a prioridade de calquera administración sexa pagar as súas débedas financeiras. En Carnota, esta imposición coincidiu cunha redución dos nosos ingresos, o que marcou toda a acción municipal e impediu desenvolver moitos dos proxectos previstos. Tivemos que acollernos a un plan de axuste marcado polo Goberno de España, para poder facer fronte ao pago aos provedores. O Concello acumulaba facturas de todo tipo sen pagar en varios anos, situación que afectaban a moitos pequenos comerciantes do noso municipio, que viron durante anos a súa propia supervivencia ameazada. Hai que recordar que cando chegamos ao Goberno había máis de 2,5 millóns de euros en facturas non recoñecidas e que, para poder pagalas, vímonos obrigados polo Ministerio de Facenda a subscribir un crédito de 1.267.173,22 euros co Banco Santander. Isto supón ter que afrontar unha contía próxima aos 300.000 euros anuais e obríganos á redución en diversas partidas de gastos.
Aínda que a situación económica do Concello non é boa, hoxe podemos dicir que a débeda que arrastrabamos dende hai anos pasou de 4.896.314 euros a 2.657.730.86 euros. Os pagos aos provedores están ao día, xa non se gardan facturas no caixón e hoxe pagamos nun prazo aproximado de dous meses.
Outro dos capítulos que este Goberno conseguiu regularizar foi o pagamento das facturas dos servizos. Carnota estaba sendo denunciada continuamente por falta de pagamento da luz e do lixo e as ameazas de corte do servizo eran continuas. Hoxe temos estas facturas case ao día e conseguimos aboar a débeda anterior. Este esforzo non foi sinxelo, pero era totalmente fundamental para garantir a prestación dos servizos básicos de luz pública e recollida do lixo nos nosos lugares. A nosa intención é que ao final desta lexislatura o Concello de Carnota teña os pagos ao día.
Comparativa coa etapa anterior.
A contía das facturas que Carnota adebeda en luz, auga e saneamento, lixo e provedores reduciuse un81,42% en total; é dicir, por cada dez euros que o anterior executivo deixou de débeda, hoxe Carnota adebeda menos de dous. Isto permitiu garantir a prestación dos servizos máis básicos para toda a veciñanza: iluminación pública, auga, recollida do lixo e o saneamento aló onde a rede está completa. A gráfica da dereita ilustra este capítulo.
Este aforro logrouse a pesar de ter que facer fronte aos seguintes gastos adicionais:
- Débeda cos bancos: debido ao crédito que houbo que pedir para poder pagar aos acredores, a débeda aumentou de 1.470.073,28 euros a 2.012.347.07 euros.
- Intereses xudiciais dun procedemento do ano 1991: 7.300 € mensuais ata maio de 2015, en que quedaría liquidada esta débeda de hai 24 anos.
- DÉBEDA TOTAL DO CONCELLO: 2.657.730,86 euros
- Ingresos totais: 3.173.210,40 €
- Gastos totais: 3.169.730,10 €
- Gastos correntes: 744.109,20 €
- Créditos financeiros: 416.000 €
- Gastos de persoal: 1.414.895,50 € brutos.
- Soldos políticos: 28.000 € brutos
- Investimentos: 298.975,40 €
- Ramón Noceda Caamaño, Alcalde de Carnota
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Carnota