O lume máis devastador chega ao Ézaro mentres o pobo se fractura
- Última hora (15:15h): Desactivado o Nivel 1 ás 15:13 no #IFCarnota. Segundo novas estimacións privisionais de @incendios085, a superficie afectada é de 2.200 hectáreas. Ademais comezou a chover lixeiramente, cousa positiva, sempre que non sexan chuvias moi caudalosas.
- Última hora (13:00h): A falta de confirmación por parte da Xunta, xa se fala de 2.800 hectáreas arrasadas.
Ao tempo, a Xunta informa de que permanece controlado dende as 5:27 horas un incendio no concello de Dumbría, parroquia homónima, na zona do Monte Cheo, en caforra, tras comezar onte ás 22:11 horas da noite. Segundo estimacións provisionais ata o seu parametrizado, a superficie afectada é de 24 hectáreas de monte raso. Nos traballos de extinción levan participado 3 axentes forestais, 7 brigadas, 4 motobombas e 1 pa. - Última Hora (12:00h): Traballan aínda na extinción no Ézaro 3 helicópteros, pois os dous hidroavións trasládaronse ata outro incendio que prendía á media noite pasada en Caforra, no Monte Cheo, preto de Dumbría, que polo que parece que se está controlando.
- Última hora (11:00h): O lume traspasou esta madrugada o río Xallas, e obligando evacuar a oficina de turismo do Ézaro e varias casas no lugar. As lapas xa arrasou ca zona do mirador do Ézaro e toda a subida que se fixo tan famosa ca Vuelta a España.
60 horas, 2 días e medio xa activo o incendio máis devastador do verán 2013 en Galicia. Así xa está considerado o #IFCarnota (hastag utilizado pola Xunta @incendios085 para indicar o o incendio forestal) tras arrasar máis de 1.900 hectáreas nos Concellos de Carnota, Dumbría e Mazaricos. Un lume que prendía precisamente ás 21:35h do mércores en Mazaricos, a onde voltaba esta tarde de venres pero pola zona do Fieiro, por detrás do Monte Pindo. De feito, o lume arrasou por completo o Olimpo Celta, un dos nosos meirandes tesouros naturais. E segue activado o nivel de alerta 1, sen visos de mellora, e cunha nova noite por diante.
A última hora do venres o lume, tras devorar a zona do Pedregal, chegou á ensenada do Ézaro e sitiou á fervenza do Xallas, e segue avanzando sen control pola zona do encoro de Santa Uxía, tras calmar a alerta nas casas que hai do lado sur da ponte do Ézaro, as primeiras do lugar do Pindo, que viviron unha mañá terrorífica. As casas levan todo o día sen liña de teléfono non internet.
Malia que a Xunta aseguraba ás 19:30h que traballan (ou máis ben, levan traballado) na extinción 2 técnicos, 28 axentes forestais, 59 brigadas, 27 motobombas, 9 helicópteros e 8 avións, varios veciños se queixaban de que moitos destes marcharon durante moitas horas do día, permitindo que se espallase. Pero o certo é que varios destes efectivos tiveron que desplazarse para atallar de contado novos conatos na zona do Monte Faro, en Carantoña, Vimianzo; en Corme e máis en Dor, Camariñas.
As reaccións de todo o mundo son espeluzantes. Os veciños non queren nin falar, repetindo a palabra "drama", "catástrofe" e "traxedia" a cada frase. Outros son máis literarios, e xa temos lido por aí algo como "parece que arden as pedras", o Monte Pindo semella un volcán en erupción", ou "dende Fisterra parecía un mar de lava o que caía a primeira noite polo monte abaixo".
O pobo de Carnota, lamentablemente fracturado
Outra das cara negativas deste lume é que no canto de unir a todo o pobo, vén de fracturalo completamente. A utilización política por ambos bandos é irresponsable (a palabra, por certo, máis utilizada por uns e outros). Como vimos onte, os veciños do Pindo xa amosaran as súas queixas pola "excesiva" atención á Asociación Monte Pindo Parque Natural e a "escasa" atención aos veciños; mentres a entidade enviaba un comunicado máis en clave de guerra política contra a Xunta que en clave de solución.
Hoxe a situación no Concello deixaba patente esta fractura. O grupo de goberno convocaba un pleno extraordinario para solicitar á Xunta a declaración da zona do Monte Pindo como "zona catastrófica". Antes do mesmo, o PP carnotán enviaba unha nota de prensa acusando ao alcalde do BNG "de prender un incendio político antes de acabar de pagar o incendio do Monte Pindo", e asegurando que "agochan intereses partidistas".
O PP, malia asegurar na nota que "está disposto a debater" deixou clara a súa postura deixando de acodir ao pleno, argumentando que "agora hai moitos veciños cuxas casas e propiedades están aínda en risco. Agora non é momento de sentarnos a debater". Así, só cos votos a favor do PSOE e do BNG o pleno aprobou a petición á Xunta de declaración o Monte Pindo como "zona catastrófica". A idea é que comecen xa traballos de emerxencia que, por exemplo, sirvan para evitar as riadas.
Precisamente ADEGA tamén solicita a declaración de "Zona catastrófica" para Carnota e de "Parque Natural" para o Monte Pindo, para "poder compensar rápidamente as perdas e recuperar o pulso social e económico após o terrible lume que devorou centos de propiedades, afectando a vivendas e acabando con cultivos, pastos, alvarizas, instalacións agrícolas, etc."
Máis información
Novas sobre o #IFCarnota
- 13-09-13: Continúan as lapas ameazando o Pindo e ao Ézaro cando chegan as primeiras reflexións.
- 12-09-13: Un incendio arrasa o Monte Pindo e obriga a desaloxar varias aldeas de Carnota.
- 07-09-13: Unha semana de lume e negocio.
- 04-09-13: O Lume segue na Costa da Morte, Arcos en chamas.
- 04-09-13: O lume atemorizou a Parroquia de Nande durante horas.
- 03-09-13: Seguen os Incendios en Laxe.
- 03-09-13: Incendio en Laxe.
- 31-08-13: Extinguido o Incendio de Esteiro en Muros.
- 29-08-13: Incendio en Louro no Concello de Muros.
- Redacción de QPC ([email protected]).