Xoves. 22.08.2019
El tiempo

O Modesto Patrimonio: Explorando a toponimia dos camiños do Monte do Pindo

O Modesto Patrimonio: Explorando a toponimia dos camiños do Monte do Pindo
Baixo o Pico de Penafiel-Foto-Modesto De viaxe polo Monte Pindo, xa baixo o Pico de Penafiel-Foto-Modesto O pasado 20 deste mes de abril, un grupiño de amigos decidimos facer unha marcha pola ladeira oeste do Monte do Pindo na caída a ponte do Ézaro. Levábamos como guía a Pepe do Fieiro e a intención era encontrar dúas covas usadas polos refuxiados na Guerra Civil. Saímos da Ponte do Ézaro pola marxe esquerda do río seguindo o primitivo camiño das Pesqueiras. Ó chegar á altura da caseta de Quintana torcemos á dereita, no camiño da Laxe Miravela, e encontrámonos o paso totalmente atrancado cos troncos podridos de eucaliptos caídos. Polo camiño de Miravela-Foto-Modesto Despois de salvar este obstáculo, seguimos cara á Portela Ventosa polo cauce do rego seco despois de saltar varios piñeiros caídos. Un pouco antes de encontrar o Rego das Canas, sobresaían de entre os toxos algúns montóns de seixos, pensando que preto houbera algunha mina de Wolfran. Pois non, segundo Pepe, tratábase de cuarzo apilado e recollido por mulleres e nenos polo monte para vedelos por peso á Fábrica de Brens. Baixábanos en cestos na cabeza, cruzaban o río Xallas na barcaza e despois un camión os transportaba a fábrica. Todo este negocio acabou no ano 1951 coa construción da ponte. Á empresa resultáballe máis barato ir directamente co camión á mina de Lira de Carnota. Seixos no Rego das Canas-Foto-Modesto Seixos no Rego das Canas-Foto-Modesto Quixemos seguir o itinerario polo Val das Canas, pero resultou tarefa imposible polo manto de toxos e troncos atravesados. Tivemos que subir o cerro e escomenzar a saltar de pedra en pedra, calculando mentalmente o salto para non caer nalgunha fochanca agochada entre restos de fieitos. Despois de ir de pedra en pedra uns 200 m. chegamos á paraxe do Rego Bravo. Neste pequeno treito obsevamos que a auga do rego cambiaba de ruta desviándose por outro cauce distinto coñecido como Rego dos Cabalos, para desembocar no Xallas á altura da caseta de Quintana. O causante deste desvío pudo ser o lume que o eliminar o manto os temporais arrastraron restos sedimentarios baixados da ladeira que se foron acumulando no Rego das Canas facendo de presa e forzando o desvío. Aquí, ao pé da Pena Longa, aínda existe un gran espazo poboado por carballos ananos dos que comezan a brotar as follas verdes. No seu entorno, segundo conta Pepe, existía un campo con moito pasto e no inverno brotaba auga dunha fonte onde nace o Rego das Canas.   Rego Bravo - Penalonga-Foto-Modesto Rego Bravo, na Penalonga-Foto-Modesto Seguimos cruzando o rego e comezamos a subida nun treito duns 50 m. onde existe unha agrupación de grandes rochas destacando a zona central. Aí e onde esta a caverna coñecida como “Pedra Cabana”. Seguimos a media ladeira, cruzamos o Camiño das Pesqueiras e pasamos polo lateral leste do Outeiro Negro despois de andar uns 200 m. Estamos na paraxe coñecida como Baixo da Ortigueira, xusto en frente temos o Pico de Peñafiel. Camuflado entre rochas, encontramos a segunda cova, moi difícil de localizar e máis complicado entrar. Destas covas falaremos noutro apartado. Regresamos baixando con forte pendente, procurando non caer de bruces, cruzamos de novo o Rego das Canas e regresamos polo mesmo camiño de subida. Tempo previsto, dúas horas. Tempo invertido, catro horas.  

Patrimonio Pindexo

O Modesto Patrimonio

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios