Venres. 26.04.2024
El tiempo

O Pindo mobilízase contra os cheiros

O Pindo mobilízase contra os cheiros
Os canles do Pindo sofren a falta de saneamento-Foto-Quino Pais Os canles do Pindo sofren a falta de saneamento-Foto-Quino Pais

Días de verán. Días de seca e de cheiros. Alomenos no Pindo, onde a falta de saneamento está sendo cada día máis palpable. Un veciño, Quino Pais, farto coma outros moitos, soltou a lebre nas redes sociais e parece que a vila carnotá vaise poñer en marcha.

Pais critica “a pasividade do Concello, Xunta de galicia, grupos ecoloxistas, Seprona, etc.” e pide a mobilización “Por un Pindo libre de cheiros, Xa!”.

As augas dos fregadoiros, de cada báter… seguen enchendo de fecais a Solaina e a praia de San Pedro, unha das praias máis fermosas da contorna.

Parece que dende o grupo de goberno teñen claro que algo hai que facer, e xa o BNG asegura “compartir absolutamente o cansanzo manifestado pola veciñanza do Pindo por mor dos cheiros que endemicamente afectan á praia de San Pedro”.

Explican que “o Pindo conta con dúas redes de saneamento máis ou menos operativas; porén a Xunta segue a dilatar o ansiado momento da conexión, e tras oito anos de obras que nunca parecen acabar, seguimos sufrindo este mal con maior incidencia aínda no verán, empeorando a calidade de vida da veciñanza e ofrecendo unha imaxe deplorábel do noso municipio a visitantes que acoden a Carnota coma un referente turístico saudábel, de calidade e con respecto ao medio ambiente, mais que se levan deste lugar unha sensación ben distinta”.

Dende o Concello aseguran que van “convocar en próximas datas a unha xuntanza a todos os axentes sociais para procurar unha resposta conxunta que presentarlle ao presidente de Augas de Galicia na vindeira xuntanza que o alcalde xa ten convocada de hai tempo para tratar esta problemática, e á que convidará a acompañalo a representantes das entidades sociais que operan na localidade”.

Fonte

Comentarios