Venres. 18.09.2020
El tiempo

O Simposium Monte Pindo recupera a Memoria dos Fuxidos

O Simposium Monte Pindo recupera a Memoria dos Fuxidos
Simposio Monte Pindo 2016-Fuxidos

Menuda historia a dos Fuxidos no As de Sel. E menudas historias as que hai detrás das rochas do Monte Pindo dos tempos do franquismo. Os chamados fuxidos, ou escapados, serán os protagonistas do V Simposium Monte Pindo, que artella a Asociación Monte Pindo Parque Natural. A confraría do Pindo acollerá este evento o vindeiro sábado 1 de outubro, baixo o tíulo «A Memoria dos Fuxidos».

É a primeira edición de carácter monográfico, servindo de homenaxe a todos os que rubiron as ladeiras do Olimpo Celta escapando da guerra e da represión franquista despois do golpe de estado de xullo de 1936. Milleiros de veciños da contorna tentaron fuxir ou ben cederon finalmente ante falsas promesas de seren amnistiados; pero moi poucos porén volverían a ver as súas familias.

Haberá tempo para ver o filme “A Mariñeira de Quilmas”, dirixido por Antón Dobao inspirado nun relato de Darío Xoán Cabana. Ambos estarán presentes.

Falará o historiador Eliseo Fernández, que focalizará na incrible, e digna de pasar á gran pantalla, historia dos fuxidos no As de Sel.

Non podería faltar Luís Lamela co seu libro “Escapado”, un dos libros indispensables para entender a historia da nosa comarca en tempos do franquismo. A súa palestra está titulada «A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo» e desenvolverase despois de comer.

E para pechar o simposio, Moncho Ermida, quen vén de publicar este verán o libro "Mortos por amor á Terra”.

Os que queiran tamén poden reservar para xantar no restaurante da pensión A Morada no Pindo, para o que haberá que anotarse en [email protected] ou chamando ao 655 56 43 72. O prezo é de 15€ por comensal.

.

Novas sobre o Olimpo Celta e os fuxidos

Novas do Simposium

comentarios