Os Mariño de Lobeira e o gando bravo dos montes da Ruña e do Pedregal do Pindo no século XVI
08:30 22/10/16
Unha semana máis, percorremos a historia de Mazaricos e da Costa da Morte, da man de Suso Jurjo. Hoxe percorremos os montes da Ruña e do Pedregal do Pindo, por onde a día de hoxe danse case mellor os viraventos que as vacas…
”Os Mariño de Lobeira e o gando bravo dos montes da Ruña e do Pedregal do Pindo no século XVI”, por Suso Jurjo
Gando no alto da Ruña Hai unha lenda que asegura que o nacemento da estirpe dos Mariño de Lobeira é froito dos amores dun tal Pero Froila cunha serea chamada Mariña. Deixando a un lado esta fermosa historia, a verdade é que esta familia se fixo forte nas ribeiras da ría de Muros e Noia alá polo século XIII. En anos posteriores recibiu múltiples doazóns reais coas que logrou conformar a Xurisdición da Serra. Unha xurisdición era unha unidade territorial sobre o que un determinado señor exercía unha autoridade que o habilitaba para gobernar en nome do rei, para xulgar en primeira instancia e para cobrar unha serie de impostos aparellados ao poder do que gozaba. Para atender estas cuestións nomeaban dous escribáns, un alcalde de cárcere, avogados, procuradores de causas e mordomos (alcaldes pedáneos) en tódalas parroquias da súa xurisdición. No apartado impositivo, ademais das posibles multas por todo tipo de infraccións cometidas polos seus vasalos, tiñan dereito a unha parte das costas dos preitos xulgados na súa audiencia. E tódolos cabezas de casa do seu territorio estaban obrigados a pagarlle anualmente un real e darlle unha galiña en sinal de acatamento e obediencia. Este señorío tiña a súa capitalidade na actual Serra de Outes, de aí o seu nome, onde esta familia posuían un castelo que, aproximadamente, dende o século XVIII foi transformado en pazo. Esta construción que aínda persiste na actualidade é propiedade de María Isabel Campos Alborés, muller do noso veciño Manuel Rey Maneiro (Manolo de Rei da Picota). A da Serra era unha xurisdición moi pequena e descontinua territorialmente. A mediados do século XVIII abranguía as parroquias de San Pedro de Outes, Santa María de Lira, San Tomé dos Vaos, San Salvador de Colúns e San Xoán de Mazaricos. A maioría das freguesías restantes do actual partido xudicial de Muros pertencían á Xurisdición do Alfoz de Muros, e o seu señor era o arcebispo de Santiago. É moi posible que polos anos de referencia que aquí nos interesan, primeira metade do século XVI, a Xurisdición da Serra fora maior e incluíra as parroquias de Arcos e San Mamede de Carnota. Aínda que no século XVIII pertencían ao Alfoz de Muros, os Mariño de Lobeira debían contar con certos dereitos históricos sobre elas pois na de Arcos nomeaban xuíz e cada un dos veciños do Enxilde, Cabanude, Noveira e Arcos pagábanlle 26 maravedís ao ano por razón de vasalaxe. En San Mamede non puñan xuíz pero cobrábanlle a cada parroquiano 1 real e 2 maravedís en sinal de obediencia. Os Mariño de Lobeira alcanzaron título de nobreza no ano 1693. O rei Carlos II premiou os seus servizos á coroa co marquesado da Serra. Ademais de numerosas propiedades polas que cobraban substanciosas rendas e de múltiples casas dentro e fóra da súa xurisdición, posuían, no que se refire a Mazaricos, unha residencia no lugar de Arcos: A Casa Grande do Vinculeiro. Os actuais donos desta propiedade, os herdeiros de Benito Formoso Figueira (o Vinculeiro de Arcos ou da Picota), desgraciadamente falecido neste mesmo ano, deben ser descendentes dunha rama lateral dos Mariño. Aínda que houbera tentativas anteriores, en 1811 coas Cortes de Cádiz e en 1823 co bienio liberal, non foi ata 1837 cando se suprimiron definitivamente os señoríos e con eles a capacidade de xulgar e cobrar os dereitos de vasalaxe que tiñan as familias que os gozaban. Pero o caso que imos relatar hoxe tivo lugar moito antes, nos séculos XV e XVI. Unha boa parte dos datos que aquí utilizaremos son froito dun preito que durante máis dunha centuria enfrontou aos Mariño de Lobeira cos veciños do Coto de Xallas (a actual Santa Comba), e que foron publicados, con outros documentos relativos a esta nobre familia, por José García Oro e María José Portela Silva no ano 2004: “Os Mariño de Lobeira, señores da Serra de Outes, na Galicia do Renacemento”. Por este preito sabemos que, polo menos dende o séculos XV, os montes da Ruña e o Pedregal do Pindo eran propiedade dos Señores da Serra e que apacentaban grandes manadas de gando vacún en estado salvaxe. Gando que non só pertencía aos veciños dos lugares inmediatos aos montes, senón que unha boa parte tiña os seus posuidores noutras parroquias do actual Concello de Mazaricos e tamén no de Santa Comba. Os veciños das parroquias de Colúns, Arcos, Coiro, Beba, Lira e San Mamede de Carnota podían criar nestes montes o seu gando de forma gratuíta, pero con algunhas contrapartidas. Ademais de levar a cabo certas labores de vixilancia durante todo o ano, nos días posteriores a San Xián (7 de xaneiro) tiñan a obriga de recadar os animais, levalos ao curro máis próximo ao lugar no que paceran, contabilizalos e marcalos. Facíanse tres curros consecutivos: o 8 de xaneiro en Vilarcobo (Colúns), o 9 na Curra (Arcos) e o día 10 tamén no lugar da Curra, mais neste caso, pertencente á parroquia de San Mamede de Carnota. A orixe deste topónimo que se repite nos dous ámbitos xeográficos e con situacións de fondo similares,debe estar relacionada coa celebración destes curros. O feito de que o seu uso xa estivera consolidado nos últimos anos do século XV é unha clara evidencia de que a antigüidade desta forma de manexar o gando hai que situala máis alá desa centuria. Co gando recadado, marcado e contabilizado, entraban en acción os Mariño de Lobeira esixíndolle a tódolos posuidores que non foran das parroquias nomeadas anteriormente, a satisfacción dun canon en pago dos seus dereitos de “señorío y herbaxe de los dichos sus montes e pastos”. E este pago é precisamente a causa do preito antes aludido. Aínda que non temos o documento, por referencias de escrituras posteriores, os problemas deberon empezar con anterioridade ao ano 1420, xa que ao arredor desta data houbo unha sentenza na que se establecía a cantidade a satisfacer en 12 diñeiros, unha unidade monetaria desaparecida nesa mesma centuria, por cada animal maior de 12 meses. Nos últimos anos do século XV a titular do señoría, Sancha de Lobeira, aumentou este caudal a medio real de prata. Esta subida motivou outro preito ventilado na Real Audiencia do Reino de Galicia que emitiu sentenza no ano 1495, estipulando que o cobro non podía ser superior a 4 brancas por cada peza de gando. Por aqueles tempos un real de prata tiña 68 brancas. Esta unidade desapareceu a finais do século XVI e, como vemos, era de moi pouco valor. En Mazaricos aínda dicimos a día de hoxe cando unha persoa realizou moi pouco ou ningún traballo que “Non fixo nin unha branca de pan”. É dicir, que co traballo que levou a cabo non gañou nin unha miserable branca. O dito castelán “Estou sen branca” debe ter unha orixe similar. Aos Mariño estas 4 brancas debéronlles parecer unha cifra ridícula e pasaron os seguintes cincuenta anos intentando elevala a medio real (34 brancas). O rico repertorio documental que conservamos deste preito danos cadra desta longa tirapuxa entre o fillo de Sancha de Lobeira, Pero Álvarez Mariño de Valadares, e os veciños do Coto de Xallas. Tirapuxa onde, unhas veces, o Mariño incautaba o gando dos díscolos xalleiros debido a súa negativa a satisfacer a cantidade solicitada. Outras eran os xalleiros os que ceibaban o gando dos curros sen pagar nin un can. Nalgunha ocasión ata se ten chegado a enfrontamentos armados entre os dous bandos. Cada parte defendía a súa posición sen chegar a un acordo satisfactorio para ambas. Para os xalleiros a sentenza de 1495 na que se establecía o pago das 4 brancas era inamovible. Pola contra, para Pero Álvarez Mariño este ditame era defectuoso polo cal, había anos que o recorrera con resultados positivos aos seus intereses, pero sen concretar documentalmente este extremo. Este personaxe á sentenza que lle daba valor era á anterior, emitida arredor de 1420. Neste documento que, como xa dixemos, non se conserva, establecía un pago anual de 12 diñeiros vellos. Partindo desta sentenza, o señor da Serra, intentara levar as augas ao seu rego propondo unha serie de equivalencias entre eses 12 diñeiros, unidade monetaria xa desaparecida por aquel tempo, e os reais de uso normalizado na primeira metade do século XVI. Despois de ir relacionando os valores dos diñeiros vellos cos maravedís vellos, das onzas de prata cos reais, e dos diñeiros vellos, tamén cos reais, chega a conclusión de que 12,5 diñeiros veñen a equivaler ao medio real de prata que el demandaba por cada peza de gando maior dun ano. Con todas estas disquisicións chegamos ao ano 1554, data do último documento conservado sobre este preito, sen saber como rematou o asunto, se gañaron os de Xallas ou os Mariño, ou se chegaron a unha solución de consenso onde as dúas parte perdían algo pero, por fin, botaban terra sobre tan longa e enfrontada disputa. Entre os abundantes papeis que xerou este preito, atópanse unhas actas notariais ergueitas en 1551 que nos informan do gando que había en cada un dos curros dese ano, das características dos animais (bois, vacas, becerros, almallos ), do nome dos seus propietarios e da procedencia dos mesmos. Nun futuro próximo espero analizar máis polo miúdo tódolos datos que nos ofrecen estas actas, pero agora, por cuestións de espazo, unicamente imos deixar constancia das cifras totais. No curro de Vilarcobo había 156 cabezas de gando, no da Curra de Arcos 101, e no da Curra de San Mamede 163, en total sumaban 420 reses. Entre os posuidores, ademais dos longamente nomeados de Santa Comba, habíaos do actual Mazaricos, onde abundaban os de Corzón, Maroñas e Antes. Menos numerosos eran os das parroquias de Mazaricos, Alborés e Chacín. Non atopamos ningún propietario nin de Eirón nin dos Vaos. Tamén aparece algún de Valadares e de Brens. Pero este gando do que conservamos rigorosa contabilidade era só unha parte de todo o que se criaba na Ruña e no Pindo. Nesta relación notarial non cuantificaron as reses menores dun ano, nin, o que é máis relevante, o gando propiedade dos veciños de Colúns, Beba, Coiro, Arcos, Lira e San Mamede, ao non estar obrigados a pagar a súa mantenza en diñeiro. Se temos en conta a maior proximidade aos lugares de pastoreo, a relativa gratuidade da que gozaban, e unha maior tradición no manexo do gando en liberdade, cada unha destas parroquias podía aportar, como mínimo, unhas 50 cabezas máis ao reconto final. Podemos dicir sen temor a equivocarnos que o número de reses apacentadas arredor de 1551 nestes montes superaba as 700 cabezas. Esta forma de explotación de grandes superficies de monte pouco produtivo era común a outras zonas de Galicia. Sen ir máis lonxe, na Xurisdición de Corcubión e na Terra de Soneira, nas que o conde de Altamira posuía grandes extensións dedicadas a este tipo de pastoreo, procedía de forma semellante. Outro tanto podemos dicir da Serra do Barbanza, onde a sona do seu gando bravo chega ata os nosos día. Se facemos un lixeiro percorrido sobre este modo de traballar co gando en liberdade na nosa zona, dende o século XVI ata os nosos días atopamos os seguintes chanzos. Cando no ano 1745 pasou por estas terras o Padre Sarmiento, outro día falaremos desta viaxe, deixou constancia de que estes montes eran do marqués da Serra e de que os tiña arrendados para pastos, xerándolle abundantes ingresos. A mediados do século XIX, seguía practicándose este tipo de gandería. Por unha acta de pleno do Concello de Mazaricos presidido por Pedro Antonio Canosa (Varela de Beba), o primeiro alcalde do que conservamos documentación no Arquivo Municipal, sabemos que polo ano 1843 as economías labregas atopábanse nunha situación bastante maltreita debido aos ataques que sufría este gando que vivía “noche y día fuera de los pueblos apastando en los montes altos, sin que precisen de manutención alguna de sus dueños, pero a consecuencia de las citadas fieras no puede pernoctar animal alguno en dichos montes sin que sea deborado al otro día mismo por dichos animales”. Os problemas co lobo non son novos. Nunha entrada anterior deste mesmo perfil xa dera cadra de que algúns becerros bravos criados no monte da Ruña acabaran servindo de divertimento nas touradas organizadas nas festas da Ascensión de Santiago de Compostela no ano 1877. Deste proceder só coñecemos este caso puntual pero, seguramente, contaba con antecedentes e tampouco tería fin naquela data. O gando vacún en liberdade debeu desaparecer do Pedregal do Pindo no século XIX, pois no XX xa non atopamos ningunha referencia nin escrita nin oral sobre a súa existencia. Na Ruña seguen pastando algunhas vacas. Xa non o fan en estado de absoluta liberdade, senón que as levan e as traen a diario, como moito, no verán pasan varios día seguidos no monte. Isto é o que queda dun tipo de pastoreo con máis de seis séculos de historia. É probable que o lector minimamente informado sobre a existencia de gando bravo nos nosos montes, bote en falta neste relato ao gando que, a día de hoxe, máis asociamos con este tipo de costumes: os cabalos. A min pásame o mesmo pero, na documentación antes aludida, non nomean nin unha soa vez o gando cabalar. Quizais, por formular unha hipótese, nese momento fora máis rendible o gando vacún e o equino tivera moita menor demanda comercial e, polo tanto, menor prezo. Temos referencias certas da existencia de cabalos bravos no Pindo e na Ruña, onde seguen resistindo, dende, polo menos, o século XIX, mais nesta entrada centrada basicamente no século XVI non viñan a conto. A Ruña e o Pindo ademais de nos regalar coas súas espectaculares vistas, pódennos ofrecer aos que vivimos ao seu pé ou a todos os que decidan achegarse ata aquí, historias ben interesantes que arrequentan o universo cultural destes agrestes cumios.- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos.
- Houbo suevos en Suevos?.
- As mallas da miña infancia. Golpe na eira que hai malladeira.
- O antes e o agora do primeiro coche do Riolo.
- Os 15 votantes nas eleccións ás Cortes no Mazaricos de 1836
- As Feiras da Picota nos anos 50.
- O Cine Vello da Picota.
- Segando en Mazaricos aló polo século XVIII.
- Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido.
- Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello.
- A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos.
Novas relacionadas
Fonte
- Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.