Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os peques do Pindo mandan o SS Scot de volta ao outro lado do Atlántico

Os peques do Pindo mandan o SS Scot de volta ao outro lado do Atlántico
Interesantísima é a historia dese pequeno barco “SS Scot” que atravesou o Atlántico e acabou varando, un ano despois, na praia de Quilmas. Trátase dun experimento sobre as correntes mariñas da universidade estadounidense, no que se viron involucrados os pequenos do CEIP O Pindo. A corrente do Golfo foi a que o trouxo ata aquí. Agora toca seguir co experimento. Para iso, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e Sasemar están a colaborar co CEIP O Pindo para devolver ao mar ao barco “SS SCOT” esperando que chegue aos EE.UU. Este xoves, os rapaces do CEIP O Pindo achegáronse ata o peirao local o minibarco “SS Scot”, co fin de que a bordo da “Régulus”, lancha de salvamento de Sasemar, sexa trasladado ata o mar con intención de que derive ata as costas dos EE.UU.

O SS Scot

O “SS Scot” é un pequeno barco non tripulado, de pouco máis dun metro de eslora, provisto dunha vela e posicionado a través dun “GPS”, que foi construído no marco do programa educativo “Educational Passages”, que se desenvolve nas escolas de primaria dos EE.UU, en colaboración coa “National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA)”. Botado pola escola “Bonny Eagle” de Maine, no mes de decembro de 2013, o “SS Scot” cruzou o Atlántico seguindo a corrente do Golfo, ata que o 14 de novembro de 2014 varou na praia de Quilmas. Alí foi recollido por un veciño que, seguindo as instrucións que a propia embarcación levaba adheridas á súa cuberta, entregouno no CEIP o Pindo. Este centro púxose en contacto coa escola americana, celebrando varias videoconferencias entre os seus alumnos, cumprindo así un dos obxectivos do programa educativo. Esta pequena embarcación foi reparada e preparada para esta singradura por técnicos INTECMAR, nunha actuación inscrita dentro do proxecto RAIACO.

RAIACO

É un proxecto financiado polo “Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (PECTEP)”, para a creación do “Observatorio Costeiro da Marxe Ibérica Litoral”. Este proxecto, gracias á colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal, reúne a varias universidades e centros científicos públicos, para fornecer á zona dunha infraestrutura transfronteiriza de observación do océano e unha extensa rede de oceanografía operacional baseada na monitorización e na predición, mediante o uso de modelos númericos e a construción de novas plataformas oceanometeorolóxicas, onde xa se teñen dado importantes avances. No ámbito deste proxecto tense mellorado a rede de observación oceanográfica con novos sensores, así como o modelado oceanográfico, coa implantación de modelos de máis alta resolución, o que supón unha mellora considerable na súa adaptación ás necesidades de sectores estratéxicos para Galicia, como son a acuicultura, a pesca, o turismo, os portos e as actividades recreativas que se desenvolven no mar.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios