domingo. 01.12.2024
El tiempo

O Pindo homenaxea ás súas mulleres do mar

Xornada Mulleres Confraria do Pindo 3
O Pindo homenaxea ás súas mulleres do mar

A activa confraría de pescadores de O Pindo volveu celebrar unha cita para homenaxear ás súas mulleres do mar. ‘Un mar de mulleres’ é un novo proxecto da entidade mariñeira que, co apoio da Deputación da Coruña, aposta pola igualdade para dar a coñecer a historia das mulleres no sector pesqueiro e marisqueiro e recuperar o patrimonio inmaterial da localidade.

A deputada de Igualdade, Soledad Agra, participou no encontro, na compaña do patrón maior e da secretaria do pósito, Fernando Manuel Siaba Espasandín e Merche Díaz Mallán, e de Ángela Guillán Armendáriz, da Asociación de Mulleres Feministas Sonlilá de Carnota; Carmen Formoso, ex mariscadora e expatroa no Pindo, xa xubilada; e Guadalupe Jiménez-Esquinas, profesora de Antropoloxía Social da USC.

Xornada Mulleres Confraria do Pindo
Soledad Agra nas xornadas

O faladoiro puxo en valor as experiencia das mulleres que dedicaron a súa vida ao mar, nunha labor que tivo un impacto fundamental para acadar a igualdade e melloras económicas, laborais e socioambientais.

O proxecto que comezou hoxe desenvolverase ata marzo de 2025, cun programa de sete xornadas abertas ao público; catro, adicadas aos máis pequenos, e tres aos adultos, empezando pola desta tarde, na que se falou de feminismo e de igualdade, do patrimonio inmaterial do Pindo e de todas as propostas do proxecto. Tamén se realizou un percorrido pola historia do pobo coas audioguías ficcionadas ‘’Contos do mar”.

As  actividades para a cativada están programadas para as vacacións de Nadal, e no meses de xaneiro e febreiro do ano que vén. Ofrecerase formación teórica e de campo guiadas por mulleres do Pindo, e actividades de arte con crebas, impartidas por Alivavá. O obxectivo, que os nenos e as nenas coñezan que é o mundo do mar e o que se desenvolve o seu redor, recuperando e pondo en valor o patrimonio marítimo inmaterial, etnográfico, cultural e dos recursos endóxenos do territorio.

Xornada Mulleres Confraria do Pindo

Máis novas

Comentarios