domingo. 05.10.2025
El tiempo

Unha imaxe peculiar e valiosa: a Virxe de Guadalupe de Oza

Unha imaxe peculiar e valiosa da Virxe de Guadalupe de Oza
Unha imaxe peculiar e valiosa: a Virxe de Guadalupe de Oza

O mes de setembro que rematamos hai uns días é un mes profundamente mariano, xa que son moitas as freguesías do noso rural, xunto cos grandes santuarios, que festexan e honran á Virxe María en múltiples advocacións. Unha delas é a da Virxe de Guadalupe, famosa na parroquia de Rianxo e popularizada universalmente polo canto da “rianxeira”; na comarca de Bergantiños hónrase, aínda que sen tanta sona, na freguesía de San Breixo de Oza. Trátase dunha imaxe peculiar, que tivo confraría dende 1826 a 1875, cunhas escasas dimensións (uns 20 cm sen a peaña) e feita en marfil. Consta dunha base de madeira troncocónica, co anagrama de María tallado na súa parte frontal, deslucida pola desafortunada pintura que a decora. A Virxe, pegada a este primeiro corpo, repousa sobre unha pequena nube, inclinándose cara a súa dereita para adecuarse á forma do marfil da que foi extraída. Conta cunha túnica vermella que se oculta nalgunhas partes cun manto azul, recollido no antebrazo esquerdo pola súa postura orante. A representación de Nosa Señora ten unha face moi agradable, sorrinte e expresiva pese o escaso tamaño que alcanza, e cunha longa cabeleira que se estende por riba dos seus ombreiros. Ademais, a imaxe ten outros engadidos de prata, como son unha pequena coroa-diadema, e uns resplandores rectos e flamexantes que a circundan. 

Non sabemos certamente cando nin como chegou esta imaxe aquí. Pumar Gándara asociou a súa procedencia a terras mexicanas, sen especificar máis. Algún outro investigador afirmou que se trata en lugar dunha Virxe de Guadalupe, dunha Virxe Inmaculada. Sen embargo, eu engadiría que esta obra mariana, que é a de Guadalupe de México antes de que o lenzo que a amosa fose retocado, pode ter incluso orixe filipino; recordemos, por exemplo, que o P. Benito Cambón, franciscano nado en Malpica e misioneiro en California no século XVIII, fixo algunhas viaxes a terras de Asia para adquirir alfaias para o culto e teas de gran valor. Sen dúbida, a Virxe de Guadalupe veu deste ámbito colonial en datas semellantes. A miña teoría é que este marfil puido ser enviado polo P. Ignacio García, xesuita que naceu nesta parroquia de Oza en 1696; logo de iniciar os seus estudos en varios colexios da Congregación na Península, foi enviado como misioneiro a Chile, onde logrou fama de santidade e un recoñecido prestixio social. Na súa doenza final, como indican os seus biógrafos, recibiu como obsequio algunhas imaxes de marfil, como unha Santa Rosa de Lima; quen sabe se algún piadoso devoto lle ofreceu unha imaxe mariana, a cal o P. García remitiría á súa parroquia natal. Así, é tamén importante subliñar a morriña que sentiu destas terras, como bo galego; nos seus escritos encomendábase en varias ocasións á intercesión de San Breixo, patrón de Oza. Ata que atopemos unha nota documental que aclare a súa procedencia, velaí esta teoría. 

Máis artigos de Luís Bermúdez

 

Comentarios