Seguimos percorrendo o proxecto Monte Pindo, Espazos da Memoria, que nos lembrou, en clave audiovisual, a historia dos fuxidos no Ollimpo Celta durante os tempos da Guerra Civil e a postguerra.
Hoxe achegámonos ao Pósito, á Confraría do Pindo, un dos espazos onde as malleiras eran máis habituais. Non só aos fuxidos, senón sobre todo ás familias, para intentar coaccionar e saber onde estaban os escapados.
Torturas, obrigáronlle a inxerir racións de aceite de ricino, de purgantes, rasurábanlle o pelo a mulleres e nenas; facíanlle pasear espidas…César Cambeiro, o recentemente finado Xinzo de Nouveira e as bravas mulleres do Pindo, debullan aquelas historias de látigo, torturas e humillacións.
Un veciño da aldea morreu a consecuencia das malleiras e das torturas días despois de ser ceibado. Ricardo Bermúdez Beiro, mariñeiro e veciño do Pindo. Tiña 65 anos no 1937. Finou na súa casa e foi soterrado no cemiterio do lugar o 19 de xuño de 1937. Deixou viúva a Ramona Quintela e cinco fillos e dous netos.
SERIE MONTE PINDO ESPAZOS DA MEMORIA
- O Marrolas e o Falso Marrolas.
- A historia do As de Sel.
- “Onde se agochaban os fuxidos cando eran sorprendidos nas súas casas”.
- Medo ou compromiso.
- "Omesomonte": Como se comunicaban os fuxidos coas súas familias.
- As covas dos fuxidos.
- O tráiler.