Domingo. 23.01.2022
El tiempo

Un cento de establecementos participarán nas xornadas Cómete o mar

Un cento de establecementos participarán nas xornadas Cómete o mar
No cabe dúbida de que se hai comida, todo funciona na Costa. Un exemplo son as xornadas gastronómicas ‘Cómete o Mar’, que artella o Grupo de Acción Costeira 4 Seo de Fisterra - Ría de Muros e Noia, e no que participarán un cento de establecimentos dos concellos das comarcas de Muros, Noia e Fisterra do 4 ao 8 de decembro. As xornadas que foron presentadas este pasado venres, teñen como obxectivo a posta en valor a cultura mariñeira desta zona e que pretende converterse nun referente. As xornadas impulsarán as posibilidades culinarias de 11 produtos do mar característicos. Os establecementos de hostalería poderán elixir entre a raia, o xurelo, a sardiña, o congro, o polbo, o mexillón, o berberecho, o longueirón, a navalla, o ourizo e a centola para incorporalos aos seus menús e tapas durante a celebración do evento.

Presentación especial

A presentación das xornadas desenvolveuse na Praza de Abastos de Muros, unha paraxe especial que merece toda a nosa atención. Foron moitos os que pediron a recuperación deste espacio para a realización de actividades de toda clase, xa que se presenta como un marco ideal para actividades gastronómicas ou de outra índole. Á presentación asistiron o presidente do GAC-4, Tomás Fajardo, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, e o alcalde de Muros, Domingos Dosil. Alí puideron degustarse a modo de aperitivos algúns dos pratos que se ofrecerán nos menús das xornadas gastronómicas. A cociñeira Belén Cascudo preparou no acto tapas elaboradas cos diferentes produtos adquiridos no mesmo mercado de Muros, como mexillóns ao albariño, berberecho con auga de mar, chupitos de ourizo e xurelo con emulsión de escabeche. Os asistentes probaron tamén empanada de polbo, de xoubas, de zamburiñas e de congro.

Concurso

O GAC-4 agarda un éxito de asistencia á zona durante as xornadas para degustar os menús nos diferentes restaurantes participantes, así como as numerosas tapas que se servirán en todos os locais de hostalería. Ademais, todos os establecementos poderán participar no concurso de tapas ‘Un Bocado de Mar’, elaborando a súa proposta diante dun xurado experto. Será o 8 de decembro no Club de Xubilados de Noia.

Sesións de cociña abertas

Así  mesmo, chefs de recoñecido prestixio colaborarán con ‘Cómete o Mar’ aportando os seus coñecementos en varias demostracións de cociña, abertas a todo o público, sobre novas fórmulas de preparar os produtos mariñeiros. Pepe Solla, José Manuel Túñez e os irmáns Xosé e Xoan Cannas sorprenderán deste xeito aos visitantes os días 4, 5 e 6 de decembro en Muros, Noia e Fisterra, respectivamente.

Máis actividades en Fisterra, Lira, O Pindo e Muros

Ademais da vertente puramente culinaria, as confrarías de pescadores dos nove concellos teñen preparadas diferentes actividades para dar a coñecer o traballo dos mariñeiros e as tradicións derivadas da súa actividade. As persoas que se acheguen ata Fisterra os días 6, 7 e 8 de decembro poderán coñecer a lonxa e a exposición e poxa de peixe e marisco nunha visita guiada polos membros da confraría. ‘Mar de Lira’ é outra das apostas do GAC. As persoas que o desexen terán a posibilidade de coñecer o traballo que realizan as mariscadores; completar a ruta do porto coa visita á caseta de Pepe de Cuco (antiga construción mariñeira rehabilitada como museo); participar nunha xornada de pesca cos mariñeiros de Carnota acompañándoos no barco, ou gozar dunha auténtica xornada de pesca deportiva. Pola súa banda, a confraría de pescadores de O Pindo ten preparada a Ruta do Fornelo o día 4, con visitas á praia de Fornelos, a unha antiga fábrica de salgadura e a pequenas covas. Levarase a cabo tamén a ruta ‘Porto Celta’ para dar a coñecer o funcionamento dun porto pesqueiro, a cultura do mar, as tradicións e a súa historia, así como as diferentes paisaxes costeiras de Portosín e Porto do Son.  Os participantes nesta actividade poderán embarcarse durante unha xornada saíndo ao mar coa frota de cerco de Portosín e observar as actividades que executan os mariñeiros. E dentro da actividade ‘Seadventure’, as persoas que se acheguen ata Muros poderán dunha saída en veleiro con degustación de produtos mariñeiros ou dunha ruta mariñeira de media hora polo polígono das bateas con información sobre o proceso de cría do mexillón.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do GAC.

comentarios