Un incendio arrasa o Monte Pindo e obriga a desaloxar varias aldeas de Carnota
- Última hora: 22:00h: Finalmente foi extinguido dende as 21:20 horas é o lume de onte do concello de Muxía, parroquia de Nemiña. Iniciouse ás 6:30 horas de onte e, segundo as primeiras estimacións provisionais que se confirmarán tralo parametrizado, afecta a unha superficie de 15,77 hectáreas. Na súa extinción traballaron 6 axentes, 9 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 1 avión e 1 helicóptero.
- Última hora (17:00): A Xunta xa sinala que son 1.600 hectáreas calcinadas no lume de Carnota.
- Última hora (actualizada 15:30): Unha veciña nos informa que a cousa está máis calma, que "xa se pode respirar e os veciños desaloxados xa puideron volver ás súas casas". Mentres, os helicópteros seguen intentando extinguir un lume que non quedou ben apagado.
- Última hora (actualizada ás 13:30h): A Xunta afirma que manteñen as 1.000 hectáres calcinadas, cifra que xa dera ás 9:30h. Metres permanece declarado o Nivel 1, como medida preventiva, no incendio rexistrado no concello de Carnota, parroquia homónima. O lugar do Pindo o máis afectado neste mediodía de xoves, pero parece que a cousa se calma.
Tras unha triste noite de intenso traballo aínda conitnúa activo ás 8:00h da mañá o incendio de Carnota. De feito, a estrada AC-552 que une Cee e Muros segue cortada á altura do Viso, San Mamede e Caldebarcos, varias casas tiveron que ser desaloxadas en lugares como San Cibrán, Cornido, Vadebois, Caldebarcos, Panchés, A Curra ou Quilmas, concretándose o nivel de alerta 1. Ademais, o lume levou ao seu paso boa parte co Monte Pindo recordando as terribles estampas daquel agosto do 2005.
Mentres os veciños loitan por manter as súas casas a salvo do lume, pero non teñen nin liña de teléfono nin internet.
O lume nacía en Arcos, Mazaricos, arredor das 21:30h do mércores, baixaba case que a o mar espoleado polo vento e comezaba a desprazarse dirección norte ameanzando os lugares mencionados, ata O Pindo e case que o Ézaro. Á primeira hora da mañá @incendios85 actualizada a cantidade de área arrasada, que xa superaba as 1.000 hectáreas (cada unha equivale a unha superficie dun campo de fútbol), chegando mesmo ás zonas da praia de Boca do Río.
O caso é que pola noite non poden traballar os medios aéreos polo que só puideron traballar na extinción 1 técnico, 12 axentes, 17 brigadas, 9 motobombas e varios efectivos da UME e mesmo do exército, ademais de numerosos veciños que tiveron que loitar por evitar que as súas casas fosen pasto das lapas. A primeira hora da mañá xa se incorporaron ao traballo 4 hidroavións que recollen auga na ría de Corcubión para intentar extinguir o incendio.
aquí vos deixamos cun completo vídeo de Rubén Santamaría e varias imaxes:
Adeus Monte Pindo
A propia Asociación Monte Pindo Parque Natural recoñecía o seu "choro pola perda irremisible do Monte Pindo". A esta hora un devastador incendio exténdese imparábel polas súas ladeiras azoutado polo inxente vento e as autoridades e os medios de extinción xa o dan por imposíbel". Consideran a situación unha verdadeira "catástrofe ecolóxica", con a práctica totalidade do monte calcinado, asegurando que varias especies endémicas quedan en verdadeiro perigo. Hai outras voces, como as do noso colaborador Mario Rodríguez, veciño do Ézaro, que apuntan que "desde o punto de vista ecolóxico non está todo perdido, pois o entorno desde o Barquiño ata Peñafiel e o val que os une de momento están a salvo das lapas".
Deste xeito, invitan a que todos utilicemos un "lazo verde solidario polo Monte Pindo. Non queremos lazos negros, queremos ver verde esperanza da natureza que nos axude a superar o negro tristura das cinzas, e en memoria do perdido e do que nunca debe volver a pasar", apuntan.
Outra entidade que alza a voz é ADEGA, que considera que "o desleixo da Xunta co Monte Pindo foi chave para súa destrución".
Novo Incendio en Nemiña, Muxía
E mentres, a mañá amencía triste tamén en Muxía. I é que Nemiña xa ten máis de 20 hectáreas de monte calcinadas tras un novo incendio.
E a prevención?
Son momentos coma hoxe nos que Galicia se ten que lembrar da falta dunha política antiincendios real e eficaz. Cando o lume pasa a ser un negocio como tal, a cousa é moi negativa, e máis cando as brigadas son contratadas a partir de xullo, polo tanto cunha precariedade laboral tremenda, e sen tempo a traballar na prevención. Así durante o inverno, os bosques medran e medran, facilitando a labor dos desalmados que teñen a ben destrozar os nosos montes.
O propio alcalde de Carnota valoraba en varias emisoras a situación, lamentando os intereses ocultos nesta desfeita. Ramón Noceda denuncia que "o que prendeu o lume quería destrozar o Monte Pindo". Ademais, valorou a vontade da conselleira de Rural e Mar durante a súa visita, pero lamentou a falta do Conselleiro de Medio Ambiente, que tras varios anos poñendo trabas á catalogación do monte como Parque Natural nin se achegou pola zona.
Noceda insistiu en que de ter a catalogación, e se polo tanto se invertisen máis cartos en prevención, un incendio así non tería sido tan grave.
Novas relacionadas
- Unha semana de lume e negocio.
- 04-09-13: O Lume segue na Costa da Morte, Arcos en chamas.
- 04-09-13: O lume atemorizou a Parroquia de Nande durante horas.
- 03-09-13: Seguen os Incendios en Laxe.
- 03-09-13: Incendio en Laxe.
- 31-08-13: Extinguido o Incendio de Esteiro en Muros.
- 29-08-13: Incendio en Louro no Concello de Muros.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).