Venres. 15.11.2019
El tiempo

Volve o ciclo de Noites Espectaculares a Carnota

Cartel da primeira das Noites Espectaculares
Cartel da primeira das Noites Espectaculares
Volve o ciclo de Noites Espectaculares a Carnota

Volven as Noites espectaculares a Carnota para amenizar as tardiñas deste outono, un ciclo dirixido ao público adolescente e adulto. Co foco no teatro, estas actuacións que forman parte do programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña terán lugar no salón de actos do Concello. Así mesmo, a entrada é libre até completar o aforo do salón.

A programación da súa segunda edición é a seguinte: 

O Furancho - Domingo, 27 de outubro ás 19:00 h

Unha produción de Ibuprofeno Teatro, protagonizada por Marián Bañobre e Isabel Risco.  

Sinopse

As protagonistas, sempre na vangarda do deseño e das últimas tendencias, preséntannos O furancho. A súa nova aposta empresarial que cheira a éxito, a pesar do incerto destes tempos. Nel pódese consumir o excedente de viño, sinónimo de humor, e gozar dun espazo de complicidade para empaparse coa máis pura comedia hilarante.
E para quen non sexa de moito beber alcohol, no noso Furancho Spa resort vitivinícola Rosalía de Castro ofrecemos tratamentos de beleza e saúde baseados na viñoterapia. O corpo humano é unha parra que se expande. Cada célula é unha uva que nos flúe por dentro. Nós cruzamos as sementes das cepas máis exquisitas para atopar a combinación perfecta que che aporte relax e benestar. Todo sen química, nin sulfitos. Ecolóxico 100%.

 

Tres vellas (polo menos) – Venres, 8 de novembro ás 21:00 h

Último espectáculo dos xeniais narradores Celso Fernández Sanmartín, José Luis Gutiérrez “Guti” e Quico Cadaval (Producións Teatrais Excéntricas).  

Sinopse

No repertorio de todos tres, hai muitos contos que foron contados por vellas, a quen llos contaron outras vellas. Unha progresión xeométrica de vellas. Nunca se coñeceron as vellas de Guti, Quico ou Celso, mais poderian manter unha conversa entre si á luz do carburo ou sobre o hule das cociñas aldeás. Moitas veces, as sesións de contos son sesións de espiritismo, e as vellas aparecen na axuda do narrador que se perdeu nun chiste, ou nun comentario de actualidade, e faino voltar ao rego do relato.
As vellas que depositan neles ensalmos, historias e receitas, pediron e lograron un lugar na escena, por iso este espectáculo mutante preséntase como TRES VELLAS (polo menos).

Ao rematar, os/as espectadores/as, coa boca encharcada, sairán a soñar co prato fumegante da memoria.

Go on! - Venres, 13 de decembro ás 21:00 h

Péchase o ciclo coa actuación de Xoque Carbajal e Jouse García (Malasombra Producións) con “GO ON!” unha “odisea cómica no espacio galego”.

Sinopse

Logo da chegada do home á lúa á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.  
“GO ON!” recopila esta experiencia límite que deixa aos do “Al filo de lo imposible” como simples boyscouts.
“GO ON!” é un completo folleto turístico que servirá para que outros ousados viaxeiros saiban como conseguir alimento nas festas gastronómicas ou como cantarlle unha saeta á Santa Compaña.
“GO ON! é unha guía de primeiros auxilios con recomendación necesarias como que facer logo de ser salvaxemente agredido por un toxo ou que facer logo de limparse o cú con ortigas.
“GO ON!” é a conferencia que percorre o mundo dende Burgos a Arkansas desvelando os misterios máis íntimos de Galicia e os seus habitantes, como cal é a orixe da frase “non me toques os suevos”, cada canto tempo cambian as sábanas os da Santa Compaña, ou cal é a resposta definitiva para a pregunta: “Que din os rumorosos?”

Comentarios