13 institutos da Costa da Morte únense na Gala "Falemos + Galego"
![Cartaz Festival Falemos mais galego ies costa da morte](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2024/05/12/2024051211391143967.jpg)
Fantástica, marabillosa, necesaria, a campaña que veñen de lanzar 13 centros de ensino da Costa da Morte. “Falemos + galego” trata de recuperar o terreo perdido en materia lingüística, nunha zona que era berce da nosa lingua, pero que nas últimas décadas está perdendo o seu caracter normalizador.
Unha campaña que, ademais de comprometerse a fomentar o uso do galego, trascende a lingua e se convirte nunha ponte de unión para esforzos comúns nun territorio tan singular coma o noso. "Tamén se trata de saír do illamento e das iniciativas pechadas nos centros para transcender os seus lindes e ter presenza e visibilidade no conxunto da sociedade", explican ademais de intentar de facelo dun xeito horizontal de xeito que "o noso alumnado se sinta parte e colabore conxuntamente nun ámbito superior ao centro e ao seu concello".
Con esa previsa, os 13 centros están inmersos nunha campaña de dinamización lingüística que xa ten unha data especial: a Gala do xoves 20 de xuño en Cee.
Os 13 centros implicados son:
- IES Lamas de Castelo (Carnota),
- CPI Plurilingüe A Picota (Mazaricos),
- IES Fernando Blanco (Cee),
- IES Agra de Raíces (Cee),
- IES Fin do Camiño (Fisterra),
- CPR Nosa Sra. do Carme (Fisterra),
- IES Ramón Caamaño (Muxía),
- IES Terra de Soneira (Vimianzo),
- IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto – Camariñas),
- IES Maximino Romero Lema (Baio-Zas),
- CPI de Zas,
- CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe) e
- IES Eduardo Pondal (Ponteceso)
A campaña céntrase na idea do orgullo de ser a Costa da Morte unha área que destaca no uso do galego, e remover conciencias e xerar estímulos para incrementar o seus usos. "Trátase de incrementar o número de persoas galego falantes, partindo da poboación xuvenil que cursa estudos de educación secundaria, bacharelato e formación profesional e buscando, tamén, o impacto no conxunto da sociedade da Costa da Morte", explican dende a organización.
Certame
Dende a presentación da campaña o pasado mes de marzo, estiveron realizando actividades entre o alumnado nos diferentes centros, na que cada centro tivo que seleccionar un lema, un logo e un vídeo para participar na fase territorial do concurso. Estas propostas entregaranse ao xurado, quen debe elixir aquela que mellor represente a todos os centros, de acordo coas bases aprobas.
O xurado estará presidido pola alcaldesa de Cee, ocupando a secretaría un representante da Deputación, e sendo vocais distintos representantes de medios de comunicación como La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Nós Diario, Que pasa na Costa e Radio Nordés.
O fallo do xurado darase a coñecer na Gala que se celebrará na praza 8 de marzo de Cee o xoves día 20 de xuño pola mañán.
A Gala
A Gala contará coa presenza da actriz e poeta María Lado, natural de Cee e ex- alumna do IES Agra de Raíces e de Xurxo Souto, músico, escritor e docente. Están previstas as actuacións do grupo musical “Malleira”, formado por alumnos e alumnas do IES Agra de Raíces, e a alumna Aroa Sendón do IES Terra de Soneira.
Como actuacións especiais participarán Antía Muíño, artista vinculada a este territorio e o dúo Caamaño&Ameixeiras, tamén formado por persoas vinculadas ao noso territorio, no que unha das compoñentes é ex-alumna do IES Maximino Romero.
Ambientarán o recinto un grupo de alumnado do IES Fernando Blanco con unha batucada, e un grupo de gaiteiros e gaiteiras do IES Maximino Romero de Lema. Ao remate da Gala o xurado dará a coñecer a proposta elixida entre todas as presentadas, que serán proxectadas durante toda a Gala.
Agárdase a presenza de alumnado e profesorado de todos os centros participantes na Gala, que ten un carácter aberto para todo o público en xeral.