Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Buserana e outras entidades sociais tamén conmemoran o 25N

A Buserana e outras entidades sociais tamén conmemoran o 25N
25N-18 MACHISMO MATA-Buserana Cee Este venres 23 é data de conmemoración principalmente escolar e municipal. O domingo será cousa da sociedade. Así o ratifica a Asociación Feminina Buserana, que segue a liña da Marcha Mundial das Mulleres que convoca unha concentración para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero para o propio domingo 25 ás 20.00 horas, na Praza 8 de marzo, en Cee. Baixo o lema "Non morreron, matáronas", as Buseranas queren lembrar “ás 60 mulleres asasinadas no que vai de ano, ás nove crianzas que pagaron coa súa vida o machismo imperante, así coma a todas as outras que, sen perderen a vida veñen sufrindo a violencia no corpo, na alma, na súa liberdade e nos seus dereitos”. Por uso, non dubidan en “amosar a nosa repulsa, denunciar o machismo que sustenta a violencia, apoiar as vítimas, son actos públicos necesarios no camiño cara un cambio que consideramos urxente. Chamamos, pois, a nos acompañar neste acto a todas as persoas que concorden con nós nesta urxencia”.

Novo local

Está de noraboa ademais a Organización Buserana porque este vindeiro o xoves día 29, inaugura o seu local. Tras 18 anos de andaina, e non sen múltiples solicitudes desoídas, o día 29 ás 20:30h celebrarán este novo espazo de encontro.  

Regueifa no Couto

Cruz Vermella, de charla polo 25N

En clave social, a Asamblea Comarcal de Cruz Vermella en Terra de Soneira impartirá o próximo xoves 29 de novembro no IES Terra de Soneira unha charla de sensibilización dirixida ao alumnado para que tome conciencia da violencia que está baixo o foco do amor romántico, sendo permitida e exercida de forma sutil. Unha iniciativa que se enmarca dentro da campaña “COmigo, CONtigo, CONsentido”    

Comunicado da ASOCIM

Ademais, a Asociación de profesionais dos CIM (ASOCIM) quere compartir tamén o seu comunicado polo 25N. Son varios os activos Centros de Información á Muller da bisbarra, como os de Cee, Muros ou Carballo, e por iso queremos ler o seu manifesto: OS CIM SON FUNDAMENTAIS PARA A LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO O pasado 20 de novembro a Xunta de Galicia anunciou a posta en marcha dun paquete de novas medidas contra a violencia de xénero centradas na atención ás vítimas, na concienciación e na ampliación do coñecemento sobre as formas e incidencias da violencia. Ante este anuncio, ASOCIM[1] (Asociación de profesionais dos CIM) quererecordar que os oitenta e un Centros de Información á Muller de Galicia xogan un papel fundamental na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero. Desde os CIM articúlanse procesos de asesoramento xurídico, de atención psicolóxica, de orientación profesional e sociolaboral; e tamén realízanse actividades de sensibilización e prevención da violencia de xénero. Por todo isto, ASOCIM non só solicita que se fomente o crecemento desta rede senón que tamén pide que se dote a tódolos CIM das ferramentas humanas, materiais e orzamentarias necesarias para levar a cabo o seu traballo e o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Esixe, por tanto, unha aposta firme e decidida polos CIM como espazos de prevención e educación en igualdade, de recuperación e acompañamento, de loita e resistencia. Esta asociación considera primordial unir esforzos, crear redes e realizar accións que garantan unha vida libre de violencia para as mulleres. É necesario facer máis porque a realidade coa que se atopan diariamente as técnicas e técnicos dos CIM precisa de moito máis que boas palabras para atallar situacións que poden acabar da peor das maneiras. Os CIM son piares na a loita contra a violencia de xénero a nivel local, as profesionais (avogadas, psicólogas, etc) que traballan nestes centros posúen os coñecementos necesarios para axudar ás mulleres e aos menores, mais o seu traballo, as súas valoracións e achegas son, en moitos casos, infrautilizadas ou, directamente, desbotadas. Un recurso tan valioso e tan en contacto coa realidade das vítimas debería estar mellor valorado e ser tomado en conta. Esta é outra das reivindicacións de ASOCIM co galo do 25-N, unha maior consideración e respecto polo traballo que se desenvolve nos CIM. As polémicas sentenzas xudiciais de casos moi mediáticos que se coñeceron ao longo deste ano evidenciaron as carencias do Poder Xudicial ante a violencia de xénero. Esta é unha realidade que moitos membros desta asociación tiveron que confrontar polo que ASOCIM valora como moi necesaria unha formación específica para sensibilizar ao conxunto da xudicatura. As accións formativas non deben deterse aí, deben seguir realizándose e alcanzar a todo o persoal das áreas que entran en contacto coas vítimas como os corpos de seguridade, o ámbito sanitario, a administración, etc. ASOCIM solicita igualmente unha mellora inmediata das axudas económicas destinadas ás mulleres vítimas e daquelas dirixidas a promover a inserción laboral das mesmas, paso fundamental para a consecución dunha vida digna e independente tanto para elas como para as súas fillas e fillos. Esta asociación entende que a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser algo prioritario na axenda política, social e económica; e considera que a atención integral ás mulleres debería estar blindada por seren un servizo de prevención e de apoio socialmente indispensable. Por todo isto, ASOCIM seguirá a traballar na consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, e para que entre dun xeito prioritario e transversal, na axenda política.

Novas relacionadas

Comentarios