mércores. 30.04.2025
El tiempo

A Costa da Morte tamén chora

A Costa da Morte tamén chora
Os Concellos de Mazaricos e Fisterra realizaron paróns de 5 minutos para gardar silencio polas vítimas da traxedia de Androis

A Costa da Morte, como toda Galicia, tamén chora a traxedia de Angrois. A desolación ante unha catástrofe de tales dimensións aumenta co pasamento de varios veciños da nosa bisbarra. O zaense Benigno Antelo Blanco Zas, de 70 anos, foi unha das vítimas do accidente do Alvia, salpicando tamén a comarca de Soneira de dor. Ademais, tamén pereceron no accidente Rodrigo de Antonio Moledo, de 21 anos, e Florinda Iglesias Oreiro, vencellados de xeito directo co Concello de Mazaricos.
Foron os cemiterios de Brandoñas, en Zas, e de San Cristóbal de Corzón, Mazaricos, os que viviron as escenas máis tristes durante os enterros.

Tamén temos que falar de sobreviventes costeiros. Adrián Mejuto, veciño de Cee, saíu co vida milagrosamente da traxedia.

Desta volta podemos contar en primeira persoa como as familias viviron a traxedia. Foron 4 longos días dende aquela fatídica noite de mércores 24 de xullo de 2013. 4 días nos que os familiares viviron unha auténtica odisea de incertidume e sufrimento. O edificio Ceirsa, durante dias cheo de familliares que non sabían que pasara cos seus. O mega tanatorio improvisado do Multiusos do Sar, a onde os que chegaban as novas non tiñan marcha atrás. Os medios acosando en todas as portas... Mentres, a outra cara a protagonizaban aquelas que salvaron as súas vidas e renaceron, recuperándose noz Hospitais. Pero as cousas que tiveron que ver vanlles quedar nos pesadelos durante moito tempo.

Sen lugar a dúbidas, a marea de doazóns en todo o país foi unha das notas máis positivas destes días. Galicia volveu demostrar que a solidariedade é parte do seu ADN, e así o refrendaron as unidades móbiles do centro de transfusión de sangue, que o pasado venres estiveron ateigadas en Cee, o sábado en Vimianzo, e hoxe luns andan por Carnota.

Os Concellos paran

Nos Concellos tamén se escoitaron os ecos silenciosos da catástrofe. Foron varios os que suspenderon as actividades, como o Mercado Medieval Peregrino de Fisterra, que foi suspendido. Ademais, os edís gardaron 5 minutos de silencio ás portas do concello de Fisterra recordando ás vítimas do fatal accidente en Santiago de Compostela.

Tamén o Concello de Vimianzo sumouse ao loito oficial en Galicia. Para manifestar a condolencia e solidariedade dos veciños e veciñas de Vimianzo coas vítimas deste tráxico accidente a Alcaldía de Vimianzo declara o loito oficial no Concello desde as 00 horas do día 25 ata as 24 horas do día 31 de xullo, período no que as bandeiras oficiais ondearán a media asta, con crespón negro, na Casa Consistorial. Seguindo así coa iniciativa da Xunta de declarar 7 días de loito oficial.
Ademais, durante a mañá do venres o Alcalde e a concelleira de Benestar Social, acompañados polos traballadores e traballadoras municipais e por numerosos veciños e veciñas de Vimianzo, concentráronse ás 12 da mañá na praza do concello para gardar 5 minutos de silencio en sinal de dó polas vítimas do accidente. Do mesmo xeito, ao inicio da sesión do pleno ordinario do pasado sábado dardouse igualmente un minuto de silencio.

E durante os días de loito oficial suspendéronse todos os actos festivos e culturais programados polo Concello de Vimianzo, entre os que se atopan a representación teatral d`Os Quinquilláns no Castelo e o bus turístico que percorre cada domingo diferentes rutas polo Concello.

No Concello de Mazaricos, fixeron unha parada durante a mañá do venres para gardar 5 minutos de silencio polas vítimas.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios