Á EsCEEna, protagonista do Verán Cultural ceés



As bandas de música foron as encargadas de abrir o programa de Verán Cultural de Cee co VII Memorial Manuel Rebollar. Foi o pasado sábado 5 de agosto, e ata o 31 deste mes estival, haberá ducias de propostas, sempre marcadas polas Festas da Xunqueira. Pero este ano, o protagonismo é para Á EsCEEna, III Semana de Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee, traendo actuacións de gran nivel.
O programa teatreiro estará en marcha do 18 ao 24 de agosto. O programa estará composta por un cartel de verdadeiro luxo que todo amante do bo teatro saberá apreciar: “O Tolleito de Inishmaan” de Contraproduccións e dirixida por Cándido Pazó, “O Furancho” de Ibuprofeno Teatro, “Terapia de bar” de O Aturuxo de Melpómene, “Menú da noite” con Luis Davila e Carlos Blanco, “O caso é ter saúde” de Malasombra Produccións, a archipremiada “Eroski Paraíso” de Chévere e, como non podía ser doutra forma, “Foucellas” de Talía Teatro. En palabras do alcalde: “Un programa moi apetecible que xunta un gran elenco de actores e directores de primeira calidade”. Ramón Vigo tamén quixo felicitar polo bo traballo ao departamento de cultura resaltando que este é “o mellor programa dos últimos anos”.
As entradas serán de 7€ en taquilla (5€ especial) ou 5€ (3€ especial) segundo a obra. Os abonos estarán disponibles por 30€ polas 7 funcións para o público xeral e 20€ para o especial (pensionistas, estudantes e desempregados).
Semana local

Cultura no Camiño 2017
Para rematar, a tradicional animación da rúa na Praza da Constitución terá lugar do 27 ao 31 de agosto. A colaboración do Concello de Cee e o programa Cultura no Camiño 2017 fará posible encher a Alameda ceense de acrobacias, clown, maxia, malabares, teatro e ilusións ópticas. Será as 20:30h, excepto o día 31 que comezará a partires das 18h.

Programa do Verán Cultural de Cee 2017
Do luns 7 ó sabado 12 de agosto: Semana dos grupos e asociacións culturais ceenses
Luns 7. Auditorio Baldomero Cores, 21.00 horas
Actuacións de: Grupo de gaitas da S.D.R.C. Fumes do Cal de Ameixenda e Escola de Danza Breogan da A.D.C. Brens
Martes 8. Auditorio Baldomero Cores, 21.00 horas
Actuacións de: Grupo de gaitas e pandereteiras das AA.VV. de Toba, grupo de pandereteiras Ruidheira da AA.VV. As Caldeiras de Gures e grupo de gaitas e baile da A.R.C.E.Pedras Miúdas de Lires.
Mércores 9. Auditorio Baldomero Cores, 21.00 horas
Actuacións de: Coral do Centro Social, Asoc. Cultural Terra de Sena de Cee e grupo Peta Forte de Pereiriña.
Xoves 10. Praza da Constitución, 21.00 horas
Exhibición de taekwondo a cargo dos alumnos do Club Arte e Movemento
Venres 11. Auditorio Baldomero Cores, 21.00 horas
Grupo de Teatro Tuéjele do IES Fernando Blanco presenta "Un marido de ida y vuelta" de Enrique Jardiel Poncela.
Sábado 12. Praza da Constitución, 19.30 horas
Exhibición de bailes de salón a cargo dos alumnos do Club Arte e Movemento
Venres 18
12.00 horas: Praza do Concello: Fitness (Ibuprofeno Teatro), con Marián Bañobre
Cultura no Camiño 2017
Do venres 18 ó xoves 24, Auditorio Baldomero Cores, 21.30 horas
Á EsCEEna!: III Semana de Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee
Bonos dispoñibles: entrada xeral (30 € polas 7 funcións) entrada pensionistas, estudantes e desempregados (20 € polas 7 funcións)
Venres 18
O TOLLEITO DE INISHMAAN de Martin McDonagh. Versión e dirección: Cándido Pazó. Con: Santi Romay, Ana Santos, Susana Dans, María Roja, Evaristo Calvo, Marcos Pereiro, Ricardo de Barreiro e Luis Iglesia.
Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia.
Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 7 € entrada xeral; 5 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .
Obra ganadora de 5 Premios María Casares de Teatro, consagrándose como o mellor espectáculo teatral do último ano: Mellor Iluminación (Afonso Castro), Mellor Adaptación/Traducción (Cándido Pazó, Santi Romay, Alberto Rodríguez), Mellor Actriz Secundaria (María Roja), Mellor Actor Secundario (Evaristo Calvo) e Mellor Actor Protagonista (Santi Romay).
Nesta obra de Contraproducións asistiremos ó que podería ser unha aldea galega pero en realidade é unha pequena illa irlandesa. Anos 30. Personaxes curiosas, pintorescas, características… Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.
Sábado 19
O FURANCHO, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso. Con: Marián Bañobre e Isabel Risco.
Rede Cultural da Deputación.
Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 5 € entrada xeral; 3 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .
Sempre na vangarda do deseño e das últimas tendencias, Ibuprofeno Teatro preséntannos un espectáculo cheo de humor co fin de gozar dun espazo de comunión e complicidade no que o público acode a empaparse coa máis pura e sincera expresión da comedia hilarante.
Neste especial Furancho Spa resort vitinícola Rosalía de Castro ofrecemos tratamentos de beleza e saúde baseados na viñoterapia. O corpo humano é unha parra que se expande. Cada célula é unha uva que nos flúe por dentro. Nós cruzamos as sementes das cepas máis exquisitas para atopar a combinación perfecta que aporte relax e benestar. Todo sen química, nin sulfitos. Ecolóxico 100%.
Domingo 20
TERAPIA DE BAR, dirixido por José Prieto. Con: Juanín Ares, Xosé M. Felpeto, Chani Hernández, Maite da Costa, Chus Olivares e Ruth Fernández.
Rede Cultural da Deputación.
Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 5 € entrada xeral; 3 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .
O Aturuxo de Melpómene presenta esta unha comedia de terror, vicios e manías.
O bar “Da costa” non está na costa. É un bar perdido no medio do monte, lonxe de calquera sitio, onde rara vez para ninguén e cando o fai, non volve nunca máis .
A propietaria do bar e os seus dous únicos clientes habituais, movidos polo aburrimento e tamén polo seu desequilibrio psíquico, deciden converterse en salvadores da humanidade e elaboran un plan para eliminar do mundo os vicios que segundo eles son os culpables de todos os males do ser humano: o xogo (aínda que sexa a brisca), os avances tecnolóxicos (aínda que só sexa unha chamada polo móbil) e a ambición desmesurada polo diñeiro (aínda que o único síntoma sexa non deixar a propina axeitada.)
Cada cliente que teña a mala sorte de entrar no bar “Da costa” comprobará nas súas propias carnes as terribles terapias que lles aplicaran os “salvadores” para liberalos dos seus vicios, aínda que con pequenos danos colaterais: a terapia tamén pode eliminar ó paciente.
Luns 21
FOUCELLAS. Autor e dirección: Cándido Pazó. Con: Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo.
Rede Cultural da Deputación.
Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 7 € entrada xeral; 5 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .
Obra ganadora do Premio María Casares á mellor escenografía (Dani Trillo).
Ano 1952. Un maquis, un guerrilleiro, un resistente. Un dos últimos homes do monte. Dos que a xente podía chamar, xenericamente, un ‘foucellas’. Mesmo podería ser o Foucellas. Ou non. Ou si. Quen sabe!
Firmeza, teimosía, dúbida, certeza, lealdade, inercia, utopía, inxenuidade, rebeldía, resignación, adaptabilidade, determinación... as armas dunha crúa batalla dialéctica nun tempo terminal.
Ficción, mito e realidade nunha proposta para pensar un momento histórico... o pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza, a administración da derrota.
Martes 22
MENÚ DA NOITE. Con Luis Davila e Carlos Blanco.
Rede Cultural da Deputación.
Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 7 € entrada xeral; 5 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .
Luis Davila e Carlos Blanco deixan (momentáneamente) a falda escocesa e póñense esmoquin para sachar como é debido. E ata cociñan caldo en directo. Literalmente.
O debuxante de Bueu e o actor arousán combinan de novo enxeños e artes para atopar o cóctel perfecto. Desta vez viaxan a Broadway. Cos sachos, claro.
E bailan (?) claqué e todo. Animación incluida.
Un xoguete escénico, un traballo a dúo onde a comedia ten finalmente a cobertura visual que nunca tivo.
Con música de Budiño e Kepa Junquera. Risas aseguradas (e debuxadas).
Mércores 23
O CASO É TER SAÚDE. Con Celia González, Xoque Carbajal, Jouse García, Patricia Rodríguez e Carlos Mosquera.
Rede Cultural da Deputación.
Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 5 € entrada xeral; 3 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .
A nova montaxe de Malasombra Producións chega a Cee nunha trama que xira en torno a Miki, un home que é abandonado pola súa parella vinte anos despois do comezo da súa relación o 22 de decembro, coincidindo co sorteo da lotería do Gordo de Nadal. Miki tén un décimo premiado, co que non sabe se sentirse eufórico por esta achega de diñeiro ou deprimido pola súa situación sentimental. Conforme avanza a trama, na vida do protagonista van aparecendo diversas persoas, e con elas situacións ridículas que servirán para que o público reflexione sobre a condición humana e, sobre todo, sobre a ambición en torno ao diñeiro.
Xoves 24
EROSKI PARAISO. De Chévere. Dramaturxia e dirección: Xron. Con: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez, Luís Martínez.
Rede Cultural da Deputación.
Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 7 € entrada xeral; 5 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .
Obra ganadora de 4 Premios María Casares: mellor espectáculo, mellor dirección para Xesús Ron, mellor actriz protagonista para Patricia de Lorenzo e mellor música orixinal para Terbutalina polo tema "Eroski Paraíso".
Xunto con O Tolleito, a gran triunfadora dos María Casares.
A primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro (2014).
Eroski Paraiso é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade da costa galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas El Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, e que despois foi convertida nun supermercado Eroski. Planeada como a rodaxe dunha película documental, a obra retrata o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fora da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria. Porque o paraíso prometido polo Estado do Benestar en realidade ten a forma dun supermercado.
Do 27 ó 31 de agosto
Animación de rúa na Praza da Constitución
Domingo 27 ás 20.30 horas
PETIT CABARÉ, a cargo da compañía Pistacatro. Espectáculo de novo circo no que se mesturan o mástil, acrobacias, manipulación de obxetos, teatro...
Cultura no Camiño 2017
Luns 28 ás 20.30 horas
OUT OF BLÚ, a cargo de Francesca Martello. A protagonista colga a colada na praza da vila e coa súa lavadora portátil crea confusión na tranquila vida dos habitantes.
Este show baséase sobre unha innovadora forma de espectáculo de rúa, onde a manipulación de obxectos, clown e malabares son as bases para a comunicación narrativa.
Martes 29 ás 20.30 horas
LILA STAR. Esta artista blanca con alma de negra, criada no seo dunha familia de acróbatas de circo clásico, fanática da purpurina e obsesionada ca cor morada, tráenos un espectáculo no que os equilibrios imposibles sobre obxectos a ritmo de coñecidos temas musicais sorprenderán ós asistentes.
Mércores 30 ás 20.30 horas
POR QUÉ É SALGADA A AUGA DO MAR. Teatro na rúa a cargo de Os Quinquilláns. A Tripulanta Rías (Tero Rodríguez) e o Tripulante Norai (Lucho Penabade) son dous investigadores mariños que teñen distintas hipóteses para dar explicación á orixe do sal na auga do mar. El cre as teorías científicas pero ela fai máis caso das lendas. Tras representar unha destas últimas, os dous tripulantes organizan unha grande expedición aos fondos mariños levándose consigo a todo o público e facéndoos partícipes de importantes descubrimentos.
Cultura no Camiño 2017
Xoves 31, desde ás 18.00 horas
ILUSIÓNS ÓPTICAS. Ven a sorprenderte co mago Romaris.
Unha ilusión óptica é calquera ilusión do sentido da vista que nos leva a percibir a realidade de forma errónea, un erro na interpretación que fai o noso cerebro sobre os sinais que o ollo lle envía. Grazas a este “erro” de apreciación, podemos disfrutar das sensacións únicas e incribles que nos brindan as Ilusións Ópticas.
Esta exposición recolle unha selección das mellores e máis efectivas Ilusións Ópticas, desde as máis clásicas e que levan sorprendendo desde hai séculos, ata as máis novedosas e impactantes.
Un conxunto de máis de cincuenta Ilusións Ópticas que non van deixar indiferente a ninguén.
Cultura no Camiño 2017
Novas relacionadas
Fonte
- Cee.