Martes. 08.10.2024
El tiempo

A experiencia de Égueire en Costa de Marfil

A experiencia de Égueire en Costa de Marfil
Están a piques de coller o avión cara Costa de Marfil para inaugurar a esperada maternidade de Nandibou e comezar así a serie de actos que conmemora os 10 anos da ONG. A xente de Egueire vive momentos especiais, e por iso queremos aproveitar este artigo do Secretario da entidade, Xosé Manuel Pensado Figueiras, que nos conta en primeira persoa como están vivindo estes meses de voráxine solidaria.  

A experiencia de Égueire en Costa de Marfil

Familia da ONG Egueire en Costa de Marfil Familia da ONG Egueire en Costa de Marfil

Coido que estes tres estratos poden ser un bo marco para encadrar esta experiencia que vou contar e que a Asociación de Cooperación Exterior Égueire está a realizar en Costa de Marfil.

“A agricultura de monocultivo industrial fracasou en proporcionar alimentos suficientes e accesibles alí onde se precisan e, ademais, provocou un impacto insostible no planeta. O sistema alimentario é o maior causante do cambio climático”, argumenta o holandés Henk Hobbelink, un dos maiores especialistas mundiais en agricultura sostible. Os gobernos, polo tanto, deberían recompensar aos agricultores polo seu labor de preservación das fontes de auga, o solo, as paisaxes e a biodiversidade, e deixar de alentar as grandes producións de monocultivo destinadas á exportación (especialmente dos países pobres cara os países ricos) e dependentes de subministración externos (maquinaria, fertilizantes, praguicidas) para responder á demanda interna e o comercio de ámbito rexional”. Napo Devesa para Sustent Life.

"Convén lembrar que uns 550 millóns de pequenos campesiños no mundo teñen acceso soamente ao 12% das terras cultivables, pese ao cal producen máis do 70% dos alimentos. Fortalecer as súas capacidades axudaría tamén a combater a inxustiza climática, ao reducir a vulnerabilidade de quen son os menos responsables do cambio climático e os máis castigados por el".

"Fronte a un modelo social e económico que pretende converternos en depredadores a nosa responsabilidade e compromiso é sermos coidadores da «casa común» que nos acolle e que compartimos con todos os seres vivos. É imprescindible transformar o noso modelo de produción e consumo para camiñar cara un desenvolvemento humano sostible, e que a nosa conexión coa natureza afunda as súas raíces na xustiza e a solidariedade". Fidele Podga, Coordinador de Estudios de Mans Unidas.

Habería que engadir aquí o concepto de Seguridade Alimentaria que, acollendo o criterio de diversas institucións internacionais, vense definindo como aquela situación na que todas as persoas teñen acceso físico, social e económico permanente a alimentos seguros, nutritivos e en cantidade suficiente para satisfacer os seus requirimentos nutricionais e preferencias alimentarias e así poderen levar unha vida activa e saudable.

COSTA DE MARFIL EN DATOS

Xentes de Costa de Marfil Unha familia de Costa de Marfil

Costa de Marfil ten unha poboación estimada nalgo menos de 23 millóns de habitantes, cunha esperanza de vida de 46 anos, nunha superficie de 322.463 km². Ocupa o posto 151 dos 194 países do mundo no listado da ONU do 2014 segundo o PIB, por detrás, por exemplo, de todos os países de Hispanoamérica, salvo Haití, e a respecto de Asia soamente nove países estarían por debaixo. España ocupa o posto 31.

Ten unha renda per cápita de 770 dólares, mortalidade infantil é de 192 por cada mil habitantes e, segundo datos do 2016, morren 16 mulleres diarias no momento do parto ou por problemas derivados do parto. O nivel de infestados pola SIDA é do 7% da poboación e o gasto público en saúde é do 4%. O índice de alfabetización é case do 50% - menor nas mulleres-.

Actualmente o seu sector primario, e principalmente o agrícola, é o que outorga carta de natureza á economía do país.

Os colonos franceses introduciron a planta do cacao a primeiros do século XX e hoxe Costa de Marfil é o primeiro produtor e exportador mundial deste produto -o ouro doce-, sobre o 40% da produción mundial, que aporta 0 35% das vendas do país ó exterior, da emprego ó 16% da poboación e ocupa tres millóns de hectáreas de terra de cultivo. Segundo o informe da Organización Internacional do Traballo este é o 9º produto onde máis se utiliza man de obra infantil. Mars, Mondélez e Nestlé son os grandes compradores deste produto e non é precisamente neste país onde máis beneficios deixa este negocio e o mesmo poderiamos dicir do café.

É líder ademais nestoutras materias primas agrícolas: sexto produtor mundial de café, segundo de anacardio, primeiro produtor africano de caucho, primeiro exportador continental de aceite de palma, sen deixar de lado a súa riqueza en froitas tropicais, cana de azucre, madeiras ou asemade a pesca (atún principalmente). Contan ademais con diamantes, ouro, gas e petróleo. Todo isto está a ser un enorme reclamo para que as multinacionais estranxeiras invistan no país, sobre todo a partires do ano 2012 en que finalizada a guerra contan cunha estabilidade que parece manterse no tempo.

A luz destes datos vese claramente o modelo de crecemento orientado ao exterior, aberto á inversión estranxeira e ao comercio co resto do mundo. A pesares de ter unha economía superior á dos países veciños, é moi dependente do exterior posto que precisa mercar moitos dos produtos que alí se comercializan, coma o cru (a pesares de seren produtores), os equipamentos industriais, alimentos, produtos farmacéuticos, etc.

Calquera mínima busca que se faga na rede facilitará moita información sobre este país e sobre todo sobre o moi ben que vai a súa economía e sobre como se está a converter nun punto importante de atracción dos investidores exteriores, mesmo para nós xa que mesmo poderemos atopar un grupo de empresas galegas alí instaladas.

Datos concretos aparte resulta evidente cando se visita o país que houbo unha evolución a mellor, pero é igual de evidente que esa mellora non chega, nin de lonxe, ó conxunto da poboación como revelan algúns dos datos que tamén veño de aportar.

AS COOPERATIVAS PROPICIADAS POR ÉGUEIRE

Mulleres de Costa de Marfil Mulleres de Costa de Marfil

Inicialmente por imposición de Francia e agora como opción dos propios gobernantes, é este un país instalado nunha economía de monocultivo que propicia a riqueza duns poucos a costa da case escravitude e malnutrición de moitos. Esta aposta do goberno marfileño está a crear unha mentalidade na poboación que provoca que calquera que teña algúns medios, só ou en sociedade, se embarque na produción de caucho ou palmeira de aceite, o máis de moda agora, alongando así a sombra da estrutura do monocultivo e abandonando os cultivos tradicionais que os sustentaron durante centurias.

Este abandono das explotacións tradicionais está provocando un desabastecemento nas feiras e mercados dos produtos de consumo diario que constitúen a base da alimentación da maioría da poboación, mesmo dos que se embarcaron nos monocultivos. O problema dáse sobre todo no arroz, a mandioca e os produtos de horta.

Vista esta situación e vendo a posibilidade de mellorar a economía de moita xente, aprestámonos a dar curso a un novo tipo de proxectos. Ata o de agora, na asociación Égueire desenvolvemos proxectos educativos e sanitarios, pero faltaba un terceiro tipo de proxectos: os proxectos de promoción económica.

O primeiro deles está na fase inicial que consiste en que, en convenio co Centro EFA-Fonteboa de Coristanco, trouxemos dous mozos que están a facer un ciclo de formación agro-gandeira. Cando rematen desenvolverán na aldea de N’Zida unha granxa escola que posibilite ás mozas e aos mozos da rexión crear e/ou mellorar a produción agro-gandeira que teñan. Xa están no segundo curso e, se todo segue como ata o de agora, no verán do 2018 volverán ao seu país. Alí agardan 10has de terreo na beira do río Bandamá, doados polos veciños da aldea para que poñan en marcha os proxectos que aquí están a preparar. Os dous primeiros serán unha granxa de porcos e unha piscifactoría.

O segundo proxecto de promoción económica é a creación de cooperativas de mulleres. Vai cinco anos que dúas agrupacións de mulleres nos fixeron chegar as súas propostas: volver producir alimentación tradicional que a xente estaba esquecendo, pero que o mesmo tempo estaba demandando: peixe seco, attieké, arroz e produtos de horta.

En Égueire empezamos a investigar o funcionamento do sistema dos micro créditos, os pros e contras deste tipo de cooperativas. Atopámonos que as mulleres eran unha aposta moi segura tanto pola solidez e os bos fundamentos das propostas que nos traían, como pola responsabilidade e seriedade á hora do cumprimento dos prazos de devolución dos cartos, e sobre de todo que investir a través das mulleres era transformar o futuro das familias tanto no ámbito de cada familia en concreto coma no dinamismo social que iso podía xerar.

Tamén vimos que o proxecto podía fracasar se as mulleres non acertaban na xestión económica derivada da falta de coñecemento dos mínimos rudimentos de economía e contabilidade e da falla dunha estrutura de funcionamento, polo que fixemos especial fincapé nestes aspectos. Un terceiro aspecto que tivemos que analizar foi a utilización política de estas agrupacións cando as cousas ían ben e mentres as cousas ían ben.

Estudiado todo isto aprobamos a creación das dúas primeiras cooperativas baixo unhas condicións ben concretas. As cooperativas multiplicáronse ata un total de seis que están en funcionamento hoxe e tres máis que se crearán en breve.

As condicións foron e son as seguintes: 1ª.- teñen que constituírense en cooperativa formalmente. Neste estatuto, e dun xeito claro, deberá quedar recollido que non poden entrar en política nin como colectivo nin particularmente. Se algunha das mulleres entra en política debe de abandonar a cooperativa. 2ª.- Deben de presentar un proxecto de viabilidade da proposta que nos fagan. 3ª.- teñen que facer un curso de economía e contabilidade que paga a asociación a todas as cooperativistas.

Unha vez cumpridos os dous primeiros pasos métense nunha conta bancaria 500.000 francos CFA que quedan bloqueados ata que cumpran a terceira condición, nese momento desbloquéanse e iníciase a actividade. Acórdanse asemade uns prazos de pagamento de xeito que en dous anos o montante dos cartos estea devolto. Se isto se cumpre dáselle a posibilidade de volver recibir a mesma cantidade e terán de novo dous anos para reintegrala.

Dito dun xeito moi breve o que aprenden no curso é a distribuíren os cartos sabendo que unha parte é de salarios, outra de pagamento a provedores, unha terceira de reinvestimento e  unha cuarta para crear un fondo que lles permita ampliar a actividade; anotacións contables, elaborar presupostos, etc.

Tres das cooperativas dedícanse a mercar peixe, secalo ao lume e vendelo; dúas ao cultivo de arroz e produtos de horta e a sexta á produción de Mandioca, neste caso mesmo houbo que falar cun propietario das terras para que lles cedese unha parcela de dúas hectáreas para que puidesen traballar. En total o número de cooperativistas achégase as cincocentas aínda que o número non é igual en todas elas. Grand-Lahou, Braffedon, Nadibou, Labougou ou Dioulabougou, no sur da rexión de Grand-Lahou, son os lugares onde están funcionando estes grupos de traballadoras.

Andando o tempo viron que precisaban reforzárense entre elas e crearon a Plataforma Égueire integrada por todas as cooperativas cunha directiva constituída polas seis presidentas que, á súa vez, elixen a unha delas como directora xeral. Curiosamente elixiron a unha burkinabé (oriúnda de Burkina Faso) que moi ben o debeu facer na súa propia cooperativa para que, aínda sendo estranxeira, saíse elixida. Aínda que non o pareza foi un paso moi importante, todo un signo de que algo novo esta a xurdir.

Esta plataforma propón e regula a cooperación mutua de xeito que cando, por exemplo, hai moito peixe veñen das outras cooperativas botar unha man e cando a tempada do secado decae van estas reforzar os traballos do campo. Ao mesmo tempo fan de árbitro cando aparecen dificultades e son un bo sistema da presión cando algunha cae na tentación de non pagar nos prazos correspondentes. Téñase en conta que a cantidade entregada é abondo significativa e que non teñen que pagar réditos. O sistema baséase unicamente na confianza e na responsabilidade que esta confianza esixe. No caso de non pagaren as prexudicadas serían as posibles novas cooperativas xa que non terían fondos para iniciar a actividade. Para reforzarmos esta iniciativa comprometémonos, da nosa parte, a que nunca utilizariamos os cartos devoltos para outras iniciativas solidarias que non fose a creación de novas cooperativas.

Cabe subliñar que empezamos a recibir algunha axudas, sobre todo privadas, para levar adiante os nosos proxectos. Aquí unha delas: Os empregados dunha  mutua de seguros, dende vai 18 anos fan aportacións voluntarias a un fondo que crearon e que, ao cabo de cada ano, entregan a diversos proxectos presentados. Este ano tocounos a nós ser receptores de 2130€ que, xunto con algo máis que poñerá Égueire permitirá crear tres novas cooperativas na zona de Ebounou -na mesma rexión que as anteriormente citadas- dúas dedicadas á produción de mandioca e a outra á venda ambulante.

CALES ESTÁN SENDO OS BENEFICIOS DESTAS COOPERATIVAS?

Este xeito de traballar coinciden coas propostas que fai a ONU a través da FAO das que falabamos ao inicio. Podemos destacar ademais os seguintes:

  • Apoio as pequenas explotacións que son as que realmente aportan alimentos ó entorno  inmediato –comercio local- evitando a contaminación que supón os longos transportes, así como a falla de uso de praguicidas ou abonos químicos que en moitos casos acaban provocando o esgotamento da fertilidade da terra que require máis cantidade de produto para lograr os mesmos resultados.
  • O coidado do medio ambiente pola adaptación aos ritmos da propia natureza, tanto no mar como na terra, e o cultivo e produción das cantidades oportunas para cubrir as necesidades das familias e da poboación próxima a través do comercio local.
  • Contribución a que os prezos sexan baixos pola case eliminación dos intermediarios e do transporte sen que iso impida salarios xustos dos produtores que aproximan os prezos os custos reais de produción. O abaratamento dos prezos facilita o acceso de toda a poboación a alimentos de calidade e en cantidade suficiente para cubrir as necesidades do organismo
  • dinamización da economía local a través da promoción dos chamados traballos indirectos. Podemos citar aos pescadores que saben que contan cunha partida de peixe vendida de antemán, ou os que se dedican a facer carbón vexetal para o secado do peixe, ou os produtores de aparellos para os cultivos agrícolas.

E logo hai outros beneficios no longo prazo. Ao aumentar os ingresos das familias mellora a alimentación que provoca, a súa vez, a mellora da saúde. En Costa de Marfil só é de balde a sanidade pública para as mulleres en xestación e para os nenos ata os cinco anos. A partires de aí existe sempre un pagamento das consultas. Se as familias teñen máis posibles económicos iran ao centro médico cando estean enfermas e poderán adquirir a medicación necesaria co cal, pouco a pouco, irá mellorando a saúde do conxunto da poboación.

Como quedou antes dito o analfabetismo en Costa de Marfil ronda o 50%, en gran medida debido a que moitas familias non poden pagar as matrículas e mercar os libros e demais material escolar. O aumento da capacidade económica que das cooperativas redunda nunha diminución da cantidade de nenos que quedan na casa, ou pasando o día polas rúas, ou traballando arreo “onde lle cadra”, a maior parte das veces nos monocultivos.

E hai outro beneficio a destacar: o empoderamento das mulleres. Eu nunca entendín ben o significado desta palabra ata que vin a evolución destas mulleres que ergueron e manteñen moi arriba estas cooperativas. Ata tal punto considero este aspecto importante que afirmo que está na base dos anteriores.

Cóntovos: en agosto do 2012 tivemos, a directiva de Égueire e algúns membros máis da asociación, unha reunión coas mulleres que solicitaron a nosa axuda para as primeiras cooperativas. É difícil describir a actitude de prostración, de súplica de quen non pode máis, que transmitían aquelas mulleres que; mesmo fisicamente estaban curvadas cara o chan. Non falaban, case houbo que forzalas a que foran elas mesmas as que nos expuxeran as súas iniciativas. Custoume aguantar as bagoas ante a tan triste e penosa situación transparentada por aquelas mulleres.

Cando volvemos no 2015 a situación era ben outra. Aquela reunión sendo no mesmo pobre sitio mostraba a forza de quen se vale por si mesmo. Recibíronnos vestidas todas coa mesma tea, con xestos case excesivos de agradecemento, a maneira de estaren sentadas nada tiña que ver cunha situación de prostración, estaban erguidas coma quen ten moito que ensinar –e así era-. A presidenta da plataforma tomou a palabra para lernos o informe que fixeran mostrando os avances e progresos das actividades e, como non, loxicamente, para pedir novas axudas. Ensináronnos as instalacións e mostráronnos o proceso do secado do peixe –nos días sucesivos visitamos tamén as outras-, regaláronnos unha teas coma as que elas portaban, fixemos fotos e acabamos xantando todos xuntos. Aquilo era unha auténtica festa.

O sorriso de Costa de Marfil O sorriso de Costa de Marfil

Deixei atrás un detalle pendente que me parece tremendamente revelador, se é que o que contei non o fora xa abondo. Cando remataron de transmitirnos a evolución das cooperativas e Désiré lles manifestou a nosa alegría e satisfacción por vermos todo canto lograran, abriu unha quenda de preguntas, comentarios e suxestións. Empezaron a falar, insisto, empezaron a falar, e as súas peticións e suxestións ían orientadas a que as seguíramos axudando porque todo aquilo que fixeran non era suficiente para que os seus fillas/os foran ao instituto e mesmo nos pediron se non podiamos crear unha beca para que, polo menos algún/ha, puideran ir á universidade.

Debo dicir que de novo me custou reter as bágoas, neste caso por algo ben distinto; por ver canto cambiara a actitude daquelas mesmas mulleres de tres anos atrás e de como expresaban xa en forma de dereitos sociais as demandas para os seus fillos/as. Interiormente sentín unha satisfacción enorme, tanta que, pasaron a ser os meus proxectos preferidos porque lograban ese avance persoal e social que debe de acompañar a toda acción solidaria para que sexa fonte de transformación.

As dificultades todas que elas pasaron sábenas elas, e nós algunhas, pero a realidade final que contemplamos fai que pagara a pena o esforzo da nosa parte e, nin que dicir ten, o delas.

Agora queremos, avanzando nesta mesma dirección, poder crear estruturas de produción que permitan a continuidade do traballo delas durante todo o ano. Un par de exemplos: estamos proxectando unha piscifactoría de cría de tilapia, que estaría administrada por unha nova cooperativa, que puidera proveer de peixe todo o ano, tanto para consumir en fresco como para aportar o material necesario ás cooperativas que o secan. Ao mesmo tempo algo de excedente que puidera haber, tanto no peixe como noutros produtos, sería re-aproveitada na piscifactoría como alimento. Tamén estamos a proxectar unha porqueira coa mesma idea. Ademais de aportar carne sería unha fonte de abono orgánico a través do esterco para as cooperativas que cultivan a horta. As propostas que nos chegan van nesa orientación para crear unha sorte de economía circular que implicara ó maior número de persoas posibles. Para isto estanse a preparar os mozos dos que antes vos falei e que se están formando en Coristanco. O maior problema que temos agora é a falta de cartos, coma sempre, que nos permitira acelerar estes procesos, pero todo se andará.

O que si nos resulta evidente é que outro mundo é posible e as propostas que se nos mostran a través da FAO, de Mans Unidas e de outras moitas asociacións que traballan en contacto co rural, camiñan nesta mesma dirección pola que nós empezamos a andar xa vai para dez anos como asociación e cinco coa concreción nas cooperativas.

  • Xosé Manuel Pensado Figueiras, Secretario de Égueire. Artigo publicado no número 204 da revista ENCRUCILLADA, SETEMBRO-OUTUBRO DE 2017, páxinas 50-60.

Novas relacionadas

 

Fonte

Comentarios