A nova Biblioteca da Casa da Cultura de Cee xa recibe usuarios


Por fin a Casa da Cultura de Cee xa ten vida. Non era sen tempo, despois de nada menos que 15 anos de retraso, toda unha marca. Xa nolo dicía a alcaldesa Zaira Rodríguez hai un par de semanas, e onte por fin, abría as suas portas a Bibiloteca Municipal Francisco Mayán, xa trasladada do edificio do Concello ao da CCC.
Tivemos a honra ademais de ver o primeiro usuario da Biblioteca trala reinstalación. Non foi outro que López de Brens, “cliente habitual”, o que se achegou á nova infraestrutura cultural ceense para facerse cunha novela. Encantado de recibilo, o home que coida dos libros en Cee, José Ramón Rey Senra, que tivo a ben ademais, explicarnos os números da Biblioteca. Unha visita na que coincidimos ademais cos pesos pesados da sección cultural ceense, como son o técnico municipal Víctor Castiñeira, e o Secretario da Fundación Fernando Blanco, Darío Areas, ambos colaboradores de QPC.

Cóntanos Rey Senra que son entre 70 e 100 as persoas que utilizan cada día a Biblioteca, e espera que estas novas instalacións amplíen o número de usuarios. Son moitos os que pasan a ver a prensa e as revistas, ou os que veñen en busca de novelas ou libros específicos dos máis de 21.600 libros (ao 50% entre galego e castelán) que ten rexistrados no MEIGA, o programa da Rede de Bibliotecas de Galicia, que formarían, nada menos que medio quilómetro de libros!.
Outros os veñen a estudiar ou a utilizar a wifi gratuita que hai en toda a Biblioteca. Un número que crece cada vacacións, cando os estudiantes pasan longas mañás e tardes estudiando.
A nova Biblioteca conta cun total de 108 postos de lectura en 25 mesas, repartidas nos 72 postos da sala xeral, os 24 postos das salas infantil e xuvenil, e os 12 da sección da Hemeroteca, un dos tesouros que máis lle gusta a Senra Rey. Fantásticos os tomos, encadernados polos rapaces de Aspadex, das novas comarcais que veñen saíndo dende o 1994 nos principais xornais da volta, La Voz, el Correo, La Opinión, o Diario de Bergantiños, ou outras reportaxes saídas en El País, A Nosa Terra, Nós…




Cóntanos outro dos seus máis prezados bens, o “Fondo Especial”, con 440 libros de antes do 1958, cando se abríu o depósito legal de libros, e outras edicións singulares, unha sección coa que alucinan autores locais como Miro Villar. E precisamente agora toca traballar en aumentar o “Fondo Local”, se ben xa conta con máis de 425 obras de autores ceenses.
O fondo da Biblioteca tamén ten máis de 1275 títulos audiovisuais e unha marea de revistas especializadas de arquitectura, literatura, teatro…
Así que xa sabedes, veciños, aí tendes un bo espazo para ler a prensa, para investigar, para buscar reliquias, para levar o ordenador e utulizar a wifi, para estudar… ou para preguntar ao mestre Ramón cales son as últimas novidades.


Cousas pendentes

Para marzo pode que teremos xa a primeira actuación no auditorio, onde están traballando en asuntos técnicos. A cousa pinta ben.
Paralelamente esperan poder inaugurar este ano a Sala de Ordenadores que, por certo, ten unhas das vistas máis privilexiadas da vila.

Nova a nova
- Zaira Rodríguez: “Da oposición prefiro non falar”.
- 31-10-14: A eterna última achega para a Casa da Cultura de Cee.
- 22-09-14: A Casa da Cultura de Cee estará lista por Nadal.
- 14-08-14: “Espero que nuns meses poidamos gozar da Casa da Cultura de Cee”.
- 07-07-14: 348 butacas para a casa da cultura de Cee.
- 05-11-13: Ogando realizará as obras da posta en funcionamento da Casa da Cultura de Cee.
- A Operación Orquesta por Concellos (IV): Cee.
- 26-03-13: A Casa da Cultura de Cee abrirá a medias.
- 15-02-13: O último impulso á Casa da Cultura de Cee?.
- 31-08-11: Repaso ao sumario da Operación Orquesta (VII): Falseando a Casa da Cultura.
- 25-03-11: A Casa da Cultura de Cee abre por fin as súas portas.
- 07-09-10: Última partida para a Casa da Cultura de Cee.
- 13-01-2009: Cee emprega o Fondo Estatal na Casa da Cultura e nas parroquias.
- 30-09-08: O Ministerio dá un novo impulso á Casa da Cultura de Cee.
- 18-08-07: A Casa da Cultura de Cee rematarase no 2009.
- 12-09-07: A Deputación axudará para a finalización da Casa da Cultura de Cee.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).