Venres. 29.03.2024
El tiempo

A praia de Lires, a única pechada ao baño de toda Galicia por mor da contaminación da piscifactoría

A praia de Lires, a única pechada ao baño de toda Galicia por mor da contaminación da piscifactoría
As augas de Lires pechadas ao bano

Un trago da auga da praia de Lires podería provocar unha furriqueira ben importante. Así nos explican dende a asociación Ríos con Vida, despois de analizar os Resultados dos controis Microbiolóxicos da a auga da praia de Lires. O areal ceense, en plena desembocadura do río Castro, ten uns datos bacterianos tan preocupantes que mesmo Augas de Galicia colocaba esta fin de semana este cartel de “Augas de baño de calidade insuficiente”.

Algo sorprendente dada a fermosa e virxe zona da que falamos, cunha fermosa ría que se abre dando paso á xigante, e sempre limpa praia de Nemiña. Pero semella que os danos provocados pola piscifactoría de Tres Mares, denunciada ademais por Ríos con Vida e pola Fiscalía por desescar o río Castro, están traendo graves consecuencias a este idílico lugar. “Esta contaminación non se pode deber a outra cousa que á piscifactoría”, aseguran dende Ríos con Vida, quen denuncian que “esta empresa leva incumprindo a lei continuamente durante moitos anos”.

Imaxe aerea da piscifactoria de Tres Mares en Lires

"En Lires non hai nada, ningunha construción, só hai unha piscifactoría, polo que estes datos só poden vir de aquí. Hai uns vertidos constantes e persistentes de fecais importantes, e as instalacións están pegadas á costa, de aí que o máis probable é que a propia actividade xenere detritus deas heces da produción de peixe que son vertidas directamente á ría, incumprindo as normas europeas e o Real Decreto. Cremos que hai unha importante fonte non só de materia orgánica, senón fecal, polo que entendemos que se teñen instalacións para os procesos de decantación e depuración, non están funcionando”, denuncian os técnicos de Ríos con Vida.

Ríos con Vida asegura que esta clase de gran industria (é a piscifactoría de troita máis grande de España) pode manter “unha actividade reglada en zonas costeiras, pero sempre que se faga cumprindo cas normativas”. Así, entenden que esta práctica da piscifactoría ceense é “incompatible non só cos parámetros medioambientais, se non tamén é un perigo para a saúde pública e para o turismo”, por iso os argumentos do postos de traballo non poden ser válidos se non se cumpren as leis.

A única praia de Galicia na que non se recomenda o baño

A praia de Lires un sitio idilico

A praia de Lires é a única de toda Galicia que ten o asterisco de “Contaminación microbiolóxica, recoméndase non bañarse”, e unha das poucas de toda a península.

O resto de praias de Galicia soen andar nun datos da bacteria “Esterichia intestinal” de entre 1 a 10 nmp/100ml, e en Lires os datos sinalan 2000 (as análises non poden recoller máis datos por impedimentos técnicos, e cómpre ter en conta que en praias de Hawai, por exemplo, o máximo sería de 7 nmp/100ml).
En canto á outra bacteria analizada, a “Esterococo coli”, se o normal é entre 1 e 10 nmp/100ml, en Lires hai 290.

Con estas números, a día de hoxe, a praia de Lires é unha das máis contaminada de toda Galicia, sobre todo tendo en conta que falamos dunha praia lonxe dun centro urbán. Hai outras praias galegas, máis urbanas, que si teñen peores datos de e-coli (a bacteria das augas residuais de núcleos que verten directamente ao mar”, pero hai poucas con peores datos de e-intestinais, que vén sendo “merda pura”.

Cales son as consecuencias para os humanos?

Preguntámoslles aos técnicos de Ríos con Vida cales son os riscos para as persoas en caso de bañarse nestas augas. “É un tema perigoso, porque o risco é elevado, e por iso prohíben o baño. Falamos dunha importante contaminación fecal, que pode pode dar lugar a problemas de saúde importantes, dependendo do grado de intoxicación. Pode causar problemas de infeccións en xeral, sendo os máis comúns serán os dixestivos (cólicos, descomposicións…), pero tamén pode afectar aos ollos, oídos... ou cousas máis perigosas, pois falamos de cepas moi resistentes aos antibióticos.”

"Non nos extraña que teñan pechado a praia ao baño", apuntan dende Ríos con Vida.

Dubidosas limpezas de tanques

Xa nos contaban varios veciños nas últimas semanas que cando limpan os tanques da piscifactoría, toda a saída da ría dá medo. Escumas de cores que baixan cara o mar e centos de peixes mortos flotando nas augas. Lamentablemente, cando aparece o Seprona os tanques xa están limpos e a natureza xa limpou a zona.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios