Abre o prazo de admisión nos centro de FP ante as queixas do PSdG por unha oferta pouco apropiada
A partir deste mércores 17 de xuño de 2015 e ata xoves 2 de xullo de 2015 ás 13.00 horas, as persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes de admisión nos ciclos formativos que se ofertan nos Institutos da bisbarra para o curso 2015-2016. Os centros de Cee, Baio, VImianzo, Carballo ou Ponteceso teñen unha variada oferta, pero non suficiente para o PSdG que aproveita a data para criticar que a “oferta de ciclos en Bergantiños e Costa da Morte non se adecúa ao tecido produtivo da zona”.
O secretario de Educación da Agrupación Provincial dos socialistas coruñeses, Antonio Álvarez Cisneros, criticou a eliminación das becas de mobilidade e residencia para os alumnos de Formación Profesional.Álvarez Cisneros considerou “sorprendente” que nestas comarcas non se poidan cursar estudos de especialidades das ramas naútico-pesqueira ou agropecuaria, amplamente demandadas polo alumnado, o que obriga aos xóvenes da comarca a desprazarse fóra se queren especializarse nestas áreas.
O secretario de Educación dos socialistas coruñeses apuntou tamén que Carballo e Cee concentran a maioría das ofertas formativas, relegando a outras localidades da zona a ciclos formativos con menores expectativas laborais na súa área xeográfica.
“Esta situación, sumada á eliminación das becas de mobilidade e residencia, ocasionará que moitos alumnos opten pola realización de ciclos para os que non teñen vocación, polo simple feito de que as súas familias non poden costear os estudos dos seus fillos noutros centros de Galicia”, apuntou Álvarez Cisneros que considerou que a Xunta “relega á Formación Profesional a ser a irmá pobre da educación pública”.
Novas relacionadas
- Un costeiro, premio Nacional de FP de Grao Superior.
- A Formación Profesional unha oportunidade para o emprego.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).