As vivenzas da Flotilla da Liberdade chegan a Cee nunha semana de concentracións contra a guerra en Carballo e Corcubión
A Global Sumud Galiza organiza unha xira de presentación do libro “Diario a bordo do Sirius” con catro charlas na Galiza. Na Costa da Morte, da man do Colectivo de apoio a Palestina COAP- Costa da Morte, terá lugar o vindeiro mércores 8 de abril, ás 8 da tarde no IES Fernando Blanco de Cee.
A organización da *Global Sumud na Galiza* pon en marcha unha xira de presentación do libro ”Diario a bordo del Sirius”, escrito por *Manuel García Morales* (Manolo Teniente), sindicalista, internacionalista e activista polos dereitos humanos. O libro recolle o testemuño en primeira persoa da súa participación na Flotilla Sumud Global no verán do pasado ano 2025, unha misión solidaria para romper o bloqueo sobre Gaza, abrir un corredor humanitario e denunciar a ocupación e o Xenocidio na Palestina.
Concentración
Este martes 7 de abril terán lugar na Costa da Morte e Bergantiños novas concentracións contra a guerra imperialista, convocadas pola Plataforma Galiza pola Paz. Contarán co apoio do BNG Costa da Morte e BNG Bergantiños.
Haberá mobilizacións en máis dunha trintena de localidades galegas. Na Costa da Morte, a concentración transcorrerá na Praza Castelao de Corcubión, ás 20h. E na comarca de Bergantiños, será na Praza do Concello de Carballo, ás 20h.
Nestas mobilizacións farase un chamamento para apostar por unha paz real, construída sobre o respecto á soberanía dos pobos, que implica deixar en paz os pobos de Irán, do Líbano, da Palestina, de Cuba, de Venezuela… E que esixe o fin de toda agresión militar e de todo bloqueo
