A ANPA do Colexio Vila de Cee concéntrase ante os novos recortes
Como cada comezo de curso, a comunidade educativa da comarca ten que poñerse en pé de guerra. Como acontece en Laxe, tamén en Cee as familias saen á rúa para criticar os recortes da Xunta en materia de ensino.
A ANPA do Colexio Vila de Cee vén de facer pública unha denuncia ante a Inspección Educativa e a Xefatura Territorial de Educación, sinalando o que consideran un grave incumprimento das ratios asinadas pola Consellería de Educación, expostas na resolución do 10 de xaneiro e publicadas no DOG número 12 deste mesmo ano.
Segundo explican dende a ANPA, estes recortes afectan a todo o cole, sendo especialmente perxudicados catro cursos de educación primaria, que non contan cos profesionais mínimos para garantir unha atención axeitada ás necesidades e volume de alumnos matriculados.
Para dar a coñecer a gravidade da situación convocan, xunto con FEDANPAS e outras entidades que traballan na defensa do ensino, unha concentración, que terá lugar o vindeiro martes, día 10 de setembro ás 19 horas na Praza 8 de Marzo.
Desde a ANPA aseguran que a situación é "insostible", especialmente tendo en conta que non se cumpre a normativa actual na que ningún curso que tivese entre 20 e 25 alumnos/as no curso pasado podía ter máis dos que tiña, que o alumnado repetidor computa e que o alumnado con discapacidade recoñecida conta de maneira especial nas ratios.. “Inicialmente íase contar cun profesional máis de educación primaria, ao non cumplir cos requisitos previos, pero a 4 días de empezar o colexio enterámonos de que nin sequera este acordo excepcional de mínimos se vai cumprir, algo que nos parece intolerable”, sinala unha portavoz da ANPA.
A denuncia das familias tamén subliña o impacto da redución das horas lectivas para o profesorado, que se aplica sen un incremento proporcional no número de mestres/as. Isto está a afectar o apoio educativo e as gardas, co consecuente impacto negativo para o alumnado. “A falta de recursos non só recorta a educación dos nosos fillos, senón que sobrecarga ao profesorado e limita as oportunidades dos estudantes,” afirman desde a ANPA.
Unha das cuestións que máis preocupa á comunidade educativa de Cee é o feito de que, unha vez máis, os recortes afecten de maneira máis intensa ao rural. “A Costa da Morte segue sen ser tida en conta nas políticas educativas. A educación no rural parece ser un ámbito onde a Xunta cre que pode aplicar recortes sen consecuencias, pero as consecuencias son ben reais para os nosos nenos e nenas,” denuncia o colectivo de pais e nais.
Desde a ANPA deixan claro que non van deixar de loitar ata que se repoñan os recursos recortados e se respecten os acordos asinados pola Consellería de Educación. “Estamos a falar do futuro dos nosos fillos e fillas. Non podemos permitir que se xogue cos seus dereitos. O noso compromiso é firme: non imos parar ata que se cumpran os acordos asinados,” conclúe o portavoz da ANPA.
As familias do Colexio Vila de Cee fan un chamamento ás autoridades educativas para que tomen medidas urxentes que garantan unha educación inclusiva, equitativa e de calidade. “Non se trata só deste curso, estamos loitando polo futuro dunha xeración. Os políticos deben escoitar as nosas demandas e actuar en consecuencia,” rematan desde a ANPA.