As familias de Laxe esixen un AL para o colexio
- O BNG leva ao Parlamento a reclamación dun docente especialista en audición para o CPIP Cabo da Area de Laxe
Trala pancarta “AL (Auxiliar de Audixión e Linguaxe) é un dereito, non un privilexio”, ducias de familias de Laxe concetráronse esta mañá de sábado na Praza Ramón Juerga. As familias amosan o seu rexeitamento ante a continua política de recortes da Xunta, e para esixir unha educación de calidade para todos os nenos e nenas do noso centro.
“Estamos aquí para protestar pola non asignación dun profesor/a especialista de Audición e Linguaxe (AL), unha necesidade fundamental para moitos dos nosos alumnos e alumnas que presentan dificultades significativas na comunicación e na comprensión”, sinalaban no manifesto.
O BNG leva ao Parlamento a reclamación
Paralelamente o deputado do BNG na comarca de Bergantiños, Daniel Pérez, leva ao parlamento a reclamación para o Centro Público Integrado (CPIP) Cabo da Area de Laxe dun docente especialista en Audición e Linguaxe (AL)atempo completo, e pedirá ademais unha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica para as etapas de educación infantil e primaria.
O deputado do BNG asegura que “unha vez máis” ponse en evidencia “a política de recortes do Partido Popular en materia educativa” ao non dotar dese especialista en audición e linguaxe, a pesar de que a día de hoxe -advirte- “hai un 20% de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que conta con diagnósticos procedentes de especialistas da sanidade pública”, apunta.
Asegura que segue sendo “necesario ese posto de especialista en AL a tempo completo” e que “mesmo se precisaría unha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica para as etapas de educación infantil e primaria para así conformar un equipo de docentes encargados de proporcionar unha atención e un ensino de calidade ao alumnado de Necesidades Especiais (NEE) do centro”, subliña.
O deputado lembra que “o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ten dereito a unha educación inclusiva e de calidade”.
MANIFESTO das familias
Nós, pais, nais, familiares e membros da comunidade educativa do CPIP Cabo da Área de Laxe, reunímonos hoxe aquí para esixir unha educación de calidade para todos os nenos e nenas do noso centro. Estamos aquí para protestar pola non asignación dun profesor/a especialista de Audición e Linguaxe (AL), unha necesidade fundamental para moitos dos nosos alumnos e alumnas que presentan dificultades significativas na comunicación e na comprensión.
Unha situación inxusta e insostible
Hoxe queremos deixar clara a nosa indignación ante a falta de resposta da Administración educativa ante a demanda dunha atención especializada de Audición e Linguaxe no noso centro. Esta situación está a prexudicar gravemente ao noso alumnado, que ten dereito a recibir unha educación inclusiva e adaptada ás súas necesidades específicas. A falta de apoio especializado está a comprometer o seu desenvolvemento académico, social e emocional..
Por unha educación que non deixe a ninguén atrás
Reivindicamos unha educación inclusiva que recoñeza a diversidade e que proporcione os recursos necesarios para atender de maneira adecuada a todos os estudantes, especialmente a aqueles con maiores necesidades de apoio. Os nenos e nenas con dificultades na comunicación e linguaxe precisan dun profesional de AL para poder avanzar no seu proceso de aprendizaxe e integración escolar. Non podemos permitir que os seus dereitos sigan sendo ignorados.
Como sociedade, temos o deber de garantir que todos os nenos e nenas teñan acceso a unha educación que respecte as súas necesidades e que lles proporcione as
ferramentas necesarias para prosperar. A falta de profesorado de AL no noso centro vai contra estes principios de equidade e xustiza que deberían estar no corazón de calquera sistema educativo que se considere democrático
Esiximos solucións inmediatas
Esiximos, con carácter urxente, a asignación dun profesor/a especialista de Audición e Linguaxe para o noso centro. Esta demanda non é un capricho, senón un dereito recoñecido tanto pola lexislación educativa como polos principios de equidade e inclusión que deben rexer o noso sistema educativo.
Non imos parar ata conseguir que todos os nosos fillos e fillas teñan acceso a unha educación digna, equitativa e inclusiva. A nosa loita é a loita pola igualdade de oportunidades e polo respecto aos dereitos de cada neno e nena a recibir a educación que necesitan e merecen.
Por unha educación inclusiva, profesorado de AL xa!
Hoxe queremos agradecer a todas as persoas que se sumaron a este acto e que nos acompañan nesta loita. Grazas polo voso apoio, pola vosa presenza e pola vosa solidariedade. Sen vós, esta protesta non tería a forza que merece. A vosa implicación demostra que somos unha comunidade unida e disposta a loitar polo que é xusto.
Tamén queremos mostrar o noso agradecemento o Concello por chamar á Xefatura Territorial e facerlle chegar a nosa demanda de forma directa, contribuíndo a dar visibilidade a esta situación tan necesaria para o noso alumnado, e que tamén nos facilitara o equipo de megafonía para a realización deste acto facendo posible que a nosa voz se escoite con forza e claridade.
A os grupos políticos que non só se uniron a nós nesta protesta, senón que tamén levaron a nosa causa ao Parlamento de Galicia. Grazas a todos os partidos que escoitaron as nosas reivindicacións e que puxeron de manifesto que este é un problema que debe ser abordado dende as institucións. A vosa acción no Parlamento é fundamental para facer que a nosa voz sexa escoitada e que se tomen medidas concretas e inmediatas para resolver esta situación inxusta.
Non podemos esquecer tampouco ás asociacións que se sumaron a esta causa, cuxa colaboración foi inestimable. En especial, queremos agradecer á asociación Paseniño, que se desprazou dende Cee para estar connosco hoxe. Grazas por amosar esa solidariedade e por defender connosco unha educación inclusiva que non deixe a ningún neno ou nena atrás. Tamén agradecemos á Federación de ANPAS Galegas (que finalmente non puideron acompañarnos pero mostraron o seu apoio nas redes sociais) polo seu compromiso continuo e pola súa defensa incansable dos dereitos de todos os alumnos e alumnas de Galicia. O voso apoio dálle forza á nosa loita.
Agradecemos enormemente a todas as persoas que asinaron a nosa petición e que contribuíron na recollida de firmas para apoiar esta causa. (Carmen Villar e Sonia Neira no muelle, Lorena na Nova Despensa,Noa en Alquimia, Adriana Suárez en Traba). Grazas ao voso esforzo, dedicación e compromiso, logramos recoller preto de 400 firmas nunha semana. Este número representa o clamor de todas as familias que esixen unha solución inmediata e xusta para os nosos fillos e fillas.
Ademais, queremos dar as grazas ao Club de Fútbol S.D. Laxe por prestar a súa colaboración e apoiar esta recollida de firmas. Grazas por amosar que o deporte tamén pode ser un espazo de loita polos dereitos sociais e educativos.
Este é un chamamento a toda a comunidade educativa, ás autoridades locais, ás asociacións e a todas as persoas comprometidas cunha educación xusta e inclusiva: non podemos permitir que esta situación continúe. A nosa loita non remata hoxe; ao contrario, hoxe é un punto de inflexión para intensificar os nosos esforzos e conseguir que finalmente sexa escoitada a voz das familias e, sobre todo, dos nenos e nenas que máis necesitan apoio.
Non nos imos render. Seguiremos esixindo unha educación que garanta igualdade de oportunidades para todos os alumnos e alumnas, sen excepcións. A nosa reivindicación é clara: queremos un profesor ou profesora de Audición e Linguaxe para o CPIP Cabo da Área de Laxe agora, sen máis retrasos.
Os dereitos dos nenos son nosos, como noso é o sentimento e o recordo de ter recorrido o mesmo camiño, por iso, hoxe e sempre, nós somos e seremos a súa voz.
Por unha educación inclusiva e equitativa, profesorado de AL xa!
Grazas a todos e todas por estar aquí hoxe. Xuntos e xuntas, somos máis fortes!
AL é un DEREITO, non un privilexio!!!
Máis novas