Aprobados 647.220 euros provinciais a mellora da estrada de Bermún
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-2303 en Bermún, no Concello de Cee, que conta cun investimento de 647,220,11 euros.
A actuación inclúe a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.
En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior.
Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal.