As ambulancias volven á folga
08:08 04/07/18
Cun convenio colectivo caducado dende hai máis de dous anos, o persoal que atende a rede de ambulancias galegas volverá á folga nos próximos días co fin de esixir avances na negociación do convenio colectivo. Estas novas xornadas de folga - convocadas pola CIG - súmanse ás catro anteriores realizadas no sector, dous días en maio e dous días en xuño, e estarán acompañadas de mobilizacións nas distintas áreas sanitarias.
Na área da Coruña, están previstas concentracións para hoxe, ásm10:00 horas diante da entrada principal do hospital clínico de Santiago durante media hora. Posteriormente pasarán a concentrarse diante da entrada de Urxencias para despois saír en manifestación.Xa o xoves, o persoal concentrarase ás 10:00 horas diante do hospital provincial.
O responsábel de transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, critica a actitude da patronal, que non só se nega a avanzar na negociación, senón que pretende introducir recortes salariais neste convenio argumentando que os contratos non lles chegan para cubrir gastos.
Neste senso, Pastoriza apunta á responsabilidade da Xunta de Galiza no conflito do transporte sanitario, xa que no seu momento aceptou ofertas por debaixo de convenio. "A Consellaría puxo por diante o aforro económico antes que o servizo á cidadanía e agora non pode ser que administración e empresas pretendan que sexan os traballadores e as traballadoras quen paguen esas rebaixa económica", afirma.
A este respecto, dende a FGAMT-CIG critícase a desidia da Consellaría de Sanidade que ten "totalmente abandonado ao sector e a uns traballadores e traballadoras que realizan unha labor esencial".
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- CIG