mércores. 04.12.2024
El tiempo

As Buseranas "déronlle voz" a aquelas que lla arrebataron

Foto do 25N da concentración de Buserana en Cee de Rafa Quintáns
Concentración polo 25N convocada por Buserana en Cee - Foto Rafa Quintáns
As Buseranas "déronlle voz" a aquelas que lla arrebataron

A Organización Feminista Buserana organizou onte unha concentración para recordar ás 52 vítimas de violencia de xénero que foron asasinadas este ano baixo o lema “Se é machista, non é xustiza!”. Deste xeito, diferentes mulleres do concello participaron no acto dándolle voz a cada unha das vítimas, amosandolle ás decenas de persoas que se concentraron na na Praza 8 de Marzo de Cee a forma na que lle arrebataron a vida a cada unha delas.

A pesares do mal tempo, a choiva non foi un impedimento para recordar a historia Romina Celeste, Rosa Romero, Estrella Domínguez ou Sandra Boquete... así ata conmemorar cada un dos 52 asasinatos acometidos no 2019. O último, onte mesmo, en Tenerife. “Arrepiante escoitar todas estas historias!”, afirmaba a organización feminista ao remate da lectura.

lendo coas máscaras concentracion cee 25n buseranas rafa quintansVarias voluntarias participaron no acto lendo a historia de cada unha das vítimas de violencia de xénero deste ano - Foto Rafa Quintáns

Posteriormente, as Buseranas procederon á lectura do Comunicado pola Marcha Mundial de Mulleres poñendo o foco nos procesos que teñen que pasar e sufrir as mulleres que denuncian algún tipo de violencia. Entre outras cousas, reclaman ás institucións información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres, e formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sofren violencia machista.

Tamén instaron á Xunta para que lle insistise ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a crear máis xulgados específicos de violencia machista en Galicia, a aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista retirando as visitas das crianzas a homes denunciados por agresións machistas ate a existencia dunha sentenza firme; así como a retirar as visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.

siluetas das vitimas 25n buserana 2019

Ao remate, unha muller da localidade vítima de violencia de xénero alzou a súa voz e confesou aos presentes que ela no seu momento non denunciou “por vergoña e medo”, mais animou a todas ás que se encontren nesa situación a que denuncien. “Ante todo, somos mulleres”, afirmou.

o machismo mata buserana 25n 2019

Comentarios