Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Cee e Corcubión unidos polas alfombras do Corpus

Alfombras Corpus Cee 3
Facendo as alfombras na Alameda de Cee-Foto: Rafa Quintáns
Cee e Corcubión unidos polas alfombras do Corpus

A das alfombras de flores do Corpus é unha das tradicións singulares e simbólicas que cómpre coidar, e poñer en valor. Porque a devoción, a fe, o detalle e o amor co que as fan as ducias de persoas que se involucran nesta tradición do Corpus é tremenda.

Hoxe, coas fotos de Rafa Quintáns, repasamos as imaxes da Parroquia de Santa María da Xunqueira, que recuperaron hai anos e que “supón unhas dúas semanas de adicación entre a busca de verdes, flores… a súa preparación, debuxo e montaxe”, explica Iván Pérez. “Este ano dado o inverno seco que tivemos custou máis atopar as diferentes cores de flores que precisamos”, sinala.

Alfombras Corpus Cee 2
Un traballazo- Foto: Rafa Quintáns

Ademais, este ano deuse a circunstancia de que a Parroquia de Corcubión non puido montar a súa alfombra floral pola chuvia, e decidiu ceder a súa flor para a montaxe da parroquia veciña, do equipo liderado por Ana e Manolo, e mesmo participaron na montaxe das alfombras esta pasada tarde de domingo na Alameda de Cee.

”A implicación da xente da parroquia foi imprescindible, quen traballaron estas semanas buscando flores polos campos, dende as propias casas desfacendo a flor e traéndoa xa preparada ou nun local que cedeu o concello para esta actividade”.

A temática deste ano foi o Ano Xubilar da Xunqueira e o Ano Santo Compostelano.

A montaxe das alfombras tivo lugar dentro da Igrexa Parroquial da Xunqueira as cales poderán visitarse ata este mércoles en horario de mañá de 10 a 1 e de tarde de 5 a 8. Tamén montouse unha alfombra na Alameda de Cee.

Alfombras Corpus Cee
Así quedaron as alfombras

Comentarios