Venres. 19.04.2024
El tiempo

Chega a Cee a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

Exposicion da Casa de Rosalia en Cee a
A mostra está situada diante do Museo Fernando Blanco. Foto: Rafa Quintáns
Chega a Cee a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

A Praza da Constitución de Cee acolle xa e ata o 31 de maio, a exposición itinerante ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’. Unha mostra que repasa a historia da Casa-Museo de Rosalía e lembra o fito que supuxo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas.

Foi a rapazada dos centros de ensino da vila da Xunqueira os primeiros en aprender con ela. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Emilia Trillo, concelleira de Igualdade de Cee; e María Muíño, deputada da Deputación da Coruña, que financia esta itinerancia, foron os encargados de presentarlla.

InauguracionExposicion da Casa de Rosalia en Cee
A rapazada de Cee durante a inauguración da mostra

50 anos de historia, un ano de celebracións

A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada a partir do proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario durarán un ano, de xullo de 2021 a xullo de 2022.
A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. Pouco despois da morte de Rosalía a casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. O Patronato Rosalía, creado en 1947, acabou sendo refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, cando se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do Museo encárgase Xosé Filgueira Valverde.
A Casa da Matanza converteuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, realizada no Pedrón de Ouro de 1970, iniciouse unha campaña na que participaron centos de persoas, de xeito particular e ás veces anónimo, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Comentarios