Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Cociñando O método Grönholm

Cociñando O método Grönholm
Somos moitos os que aínda non nos recuperamos da perda que supón en materia cultural para a bisbarra o peche da Mostra de Teatro de Cee. Pero a vida segue, e dá gusto recibir boas novas desa iniciativa teatral da vila da Xunqueira, que é Talía Teatro. Hoxe temos que falar do comezo dos ensaios por parte dos ceenses de O método Grönholm, unha obra que forma parte da programación da XXI edición do Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. Os ensaios estanse a realizar dende mediados deste mes de agosto no Pazo da Cultura de Carballo. A compañía de Artur Trillo está dirixida neste proceso de preparación por Xulio Lago. A obra estrearase o xoves 11 de outubro. O segundo pase da mesma será o venres 12. Artur Trillo fixo xa algunha valoración. Trillo asegurou que “é moi positiva a comodidade que nos ofrece o Pazo da Cultura, así como a boa predisposición do FIOT e do Concello de Carballo para facilitar e crear un bo ambiente de traballo nestes dous meses de ensaios”. O Festival Internacional de Outono de Teatro está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte en colaboración co Concello de Carballo. Ademáis foise consolidando como un referente nos festivais de artes escénicas de Galicia. Segundo aclaran ambas entidades, a colaboración do FIOT na coproducción do espectáculo de Talía Teatro é “un proxecto ilusionante que xurdiu logo dunha longa e estreita relación que agora se ve reforzada”. Talía Teatro xa colaborou co FIOT noutras ocasións, ao participar no programa de pasadas edicións. Dende a organización do FIOT comentan que “O método Grönholm é unha obra de Jordi Galcerán, un dos autores contemporáneos máis representados”. A adaptación do texto pertence a Artur Trillo e, como xa dixemos antes, a dirección é un traballo de Xulio Lago. No elenco de actores podemos atopar nomes de ampla experiencia como son o propio Trillo, Toño Casais, María Ordoñez e Dani Trillo. O método Grönholm é unha comedia que ofrece unha reflexión sobre a deshumanización do capitalismo salvaxe. Dende a estrea da obra en Madrid, en 2004, foi representada en máis de 50 países e vista por máis de dous millóns de persoas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios