Comeza a 11ª edición da Olimpiada do Saber do IES Fernando Blanco

Esta semana deu comezo a 11ª edición da Olimpíada cultural o saber ten premio no IES Fernando Blanco de Cee. Un concurso escolar, que conta coa colaboración de XEAL, Gerca e Ferretería Roget (Severo Roget Romero), que trata de animar á rapazada a ter unha lectura crítica e a aprender máis e máis.
Desenvolvemento
Nesta edición poderán participar equipos formados, cada un deles, por 5 estudantes do IES Fernando Blanco dos cales 3 deberán estar cursando algún Ciclo Formativo ou Bacharelato e 2 serán alumnado da ESO ou EPA.
Estes equipos iranse enfrontando en sucesivas eliminatorias ata que só queden 3 equipos que serán os que pasen á Gran Final, que este ano se celebrará no mes de xuño, o último día de clase.
A Olimpíada Cultural celebrase mediante un xogo informático exclusivo do IES Fernando Blanco que vai seleccionando preguntas entre unha base de datos de máis de 900, estas preguntas versan sobre calquera das materias das ensinanzas impartidas no Instituto. Foron propostas por todos os departamentos didácticos.
En cada unha das eliminatorias os equipos deberán responder a 20 preguntas, seleccionadas ao chou polo programa informático.
A Gran Final
Na Gran Final, os equipos finalistas enfrontaranse a un dobre reto, nunha primeira fase terán que responder a 20 preguntas igual que nas eliminatorias e posteriormente pasarán a unha segunda fase que consistirá nun debate sobre algún tema proposto por un xurado, quen valorará as súas intervencións baseándose na súa capacidade de argumentación, oratoria, rigor, coherencia no discurso, etc.
Novas relacionadas
- Xuño 21: O IES Fernando Blanco celebrou a súa senlleira Olimpiada de coñecementos.
- Xaneiro 20: O instituto Fernando Blanco presentou onte a súa IX Olimpíada cultural O saber ten premio.
- Abril 19: A Olimpiada do IES Fernando Blanco debatiu sobre o control parental da vida virtual dos fill@s.