Como vivimos na Costa da Morte a situación das persoas refuxiadas?

20:00 18/07/17


Como vivimos na Costa da Morte a situación das persoas refuxiadas?
Para nós queda moi lonxe, pero non podemos esquecer a nosa historia. Onte foron as nosas familias as que tiveron que fuxir a outro país. Hoxe son outras, e mañá pode volver a ser o noso pobo. Agora mesmo é a familia de Sale, Anas, Adbuallah, Salem, Yaser, Iyad, Malek, Muhamma e a de millóns de familias sirias que abandonan a súa casa forzosamente para comezar unha longa viaxe na que se xogan a vida, sabendo que os van timar, sobornar, arrestrar, acosar, agredir, explotar...en case todas as etapas do longo camiño ata chegar a Europa, que algunhas nin sequera chegarán a contalo, e aínda así, saben que teñen máis posibilidades de sobrevivir que quedando no seu pais, na súa casa, na súa terra. Hoxe quero falar da historia de Anas a Adbuallab. Adbuallah, fuxiu co seu irmán pequeno Anas de Alepo, a súa cidade. Foron a pé ata Turquía e alí estiveron un mes agardando polo seu grupo para ir a Grecia nun bote. No mar, pasaron moito medo e viron como xente do seu grupo nunca chegou. Dende alí foron en coche ata Macedonia, e despois en tren ata Serbia. Na fronteira de Serbia con Hungría tiveron moitos problemas ca policía e foi neste punto onde peor o pasaron. Xa en Austria enviáronnos a Alemaña e finalmente para Bélxica, onde residen na actualidade. Toda esta viaxe que tardamos un minuto en ler e interpretar, é un milagre. Un milagre que Adbuallah e Anas me puideran explicar a súa situación. Eles perderon moita xente polo camiño, presenciaron atrocidades, e aínda así, lles quedan forzas para volver a contarme todo o sucedido, bromear, sorrir, abrazarme, xogar, sen perder a esperanza no seu futuro e na humanidade. E na despedida, mirarme cun sonrriso e dicirme: “ goza da túa terra, que eu non sei se poderei volver á miña”. Sobran as palabras, faltan os sentimentos.- Fátima Fernández.
