Venres. 29.03.2024
El tiempo

A cultura, no Día do Libro e sempre, un ben esencial necesario

José Ramón Senra Rey comparte esta Reflexión polo Día do Libro, 23 de abril de 2020
Dia do Libro
A cultura, no Día do Libro e sempre, un ben esencial necesario

Coa implantación do estado de alarma e de renuncia de moitas liberdades pola nosa seguridade, os centros culturais pecharon. Isto provocou a interrupción de numerosas actividades e conmemoracións, algunhas suspendéronse, outras pospuxéronse ou ben trasladáronse ás diferentes redes sociais. Non obstante, durante esta etapa de reclusión, a cultura estivo e segue a estar máis viva que nunca, cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía, en todas as súas manifestacións artísticas. Se temos en conta o consumo masivo de produtos culturais realizado neste período, confírmanos a necesidade de cultura que ten a xente, agora e sempre. Pódese dicir, con toda certeza, que nunca foi tan doado atopala.
  
Mentres as follas do almanaque caen inexorablemente, as efemérides arredor do sector cultural ocórrelle o mesmo, así vimos pasar o Día da Narración Oral o 20 de marzo, o Día da Poesía o 21 de marzo, o Día do Teatro o 27 de marzo, o Día das Artes Galegas o 1 de abril (dedicado este ano a Domingo Antonio de Andrade,  gran arquitecto e  mestre do barroco galego, nado en Cee en 1639), o Día do Libro Infantil e xuvenil o 2 de abril  e o Día Internacional do Libro o 23 de abril.

Para conmemorar estas celebracións e o día a día deste período de encerro son moitas as entidades culturais, editoriais, escritores, artistas, músicos, cineastas, dramaturgos e demais creadores, os que a partir de múltiples iniciativas creativas e solidarias nas distintas plataformas dixitais, ofrecen gratuitamente o seu traballo co altruísta obxectivo de facilitarnos un fácil acceso ás diferentes manifestacións culturais. Nunca tanta cultura, a golpe de clic e de balde, tivemos e gozamos como neste período de emerxencia sanitaria. 

A xenerosidade destas entidades e creadores, que ofrecen o seu traballo en aberto non pode quedar no esquecemento. Cando todo isto termine e volvamos a unha rutina diferente á que tiñamos antes da pandemia, temos a obriga moral de agradecerllo, mercando as súas obras e asistindo aos seus espectáculos;  posto que a cultura non pode ser gratis, xa que moita xente traballa e vive grazas ao sector cultural.

Ante as previsibles dificultades económicas e sociais que se aveciñan, o mundo da cultura non pode, unha vez máis, quedar desprotexido e abandonado. É de vital importancia buscar medidas, públicas e privadas, que contribúan a paliar os efectos negativos que padecerá o sector cultural pola crise do Coronavirus. E atreveríame a manifestar que a cultura debería ser considerada un ben de primeira necesidade, como xa é en outros países.

A reactivación do sector cultural dependerá, nun futuro próximo, en maior medida do apoio prestado polas administracións públicas; sen embargo, temos que ser conscientes que ese apoio debe empezar por nos mesmos, en consonancia ao valor que lle demos ás distintas manifestacións culturais. Consumir e mercar cultura, benefícianos a nós e ao conxunto da sociedade. Como ben dixo o escritor e artista chileno, nacionalizado francés, Alejandro Jodorowsky: “Cando os países esborrallan e caen, o único que queda deles é a cultura, por iso é tan importante. Un país sen cultura vai á desaparición, é preciso dedicar un capital á cultura, crear produtos útiles para o ser humano, tanto para o seu consumo como para a súa conciencia”.

Premio Cervantes 2019

O 23 de abril de 1616 morreron dous grandes escritores da literatura universal, Miguel de Cervantes (calendario gregoriano) e William Shakespeare (calendario xuliano). En base a esta casualidade, a Unesco declarou en 1995 o 23 de abril como Día Internacional do Libro. Por este motivo, a Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” do Concello de Cee, ao igual que o citado organismo cultural, quere destacar a importancia do libro, que historicamente foi o medio de difusión máis importante do coñecemento, así como o de promover a través del, o acceso á cultura do maior número de persoas posible para esta data, e para o resto de días do ano.

E mentres siga este tempo de confinamento e limitacións, recoméndovos buscar un momento para ler, abrir un libro, en papel ou formato dixital, e gozar do pracer da lectura coa intención de deixar voar a vosa imaxinación. A lectura ademais de ser un pracer que se contaxia, e unha ferramenta esencial para construír unha sociedade mellor e máis xusta, á parte de axudarnos a crecer como persoas, polo que é importante, neste contexto de confinamento, seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece.

“As persoas libres xamais poderán concibir o que os libros significan para quen vivimos encerradas”. Ana Frank (1929-1945). Nena alemá, mundialmente famosa polo seu Diario, falecida nun campo de concentración da Alemaña nazi.


Recibide un cordial saúdo, ánimo, forza e MOITA SAÚDE.

  • José Ramón Rey Senra. Técnico da Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” do Concello de Cee.

 

Novas relacionadas

Comentarios