Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Dani Oca: "Isto non é Corea do Norte"

Dani Oca: "Isto non é Corea do Norte"

“Agradézolle a algúns compañeiros que dean credibilidade aos que levamos moitos anos militando polos ideais do BNG”. Esas eran palabras de Dani Oca en agradecemento aos membros da Executiva do BNG que o defenderon na xuntanza de onte luns. Unha Executiva Nacional do BNG que acordaba "instar aos concelleiros nacionalistas de Cee a que retiren a moción de censura rexistada neste municipio".

O caso é que a expulsión dos edís do BNG ceense polo pacto co PP está no aire. Unha expulsión que botaría por terra á moción ao sérenlle quitadas as actas de concelleiros. Pero parece que a expulsión non será tan inminente como para evitar que a moción se leve a cabo o vindeiro 1 de marzo, nun pleno que o alcalde quere convocar no Pavillón municipal coma se fose un combate de boxeo.

Expulsión aprazada

Así, tras un intenso debate no seo da executiva entre membros da APU e de Máis Galiza, quedou aprazada a expulsión e manteñen así a invitación a que os edís retiren a moción, algo que parece pouco probable a estas alturas. I é que a presentación desta moción foi apoiada pola asemblea local do BNG de Cee e tamén polo novo coordinador comarcal da formación nacionalista, Modesto Fraga, e varios alcaldes do BNG na comarca, como o de Vimianzo, Manuel Antelo, ou o de Zas, Manuel Muíño, ambos de Máis Galiza.

Oca acudirá a entrevistarse cos membros da dirección nacionalista coa “mellor vontade”. E lembra que “Ningún organismo toma a decisión de expulsar aos seus militantes sen antes escoitalos. Ao mellor en Corea do Norte. Pero non estamos en Corea do Norte”, suliñou Oca que critica o comportamento dalgúns dirixentes da UPG.

O PPdeG apoia a moción

Por outra banda, o PPdeG apoia a moción de censura. Así, o seu secretario xeral, Alfonso Rueda, xustificaba esta medida para "corrixir unha situación de desgoberno" que existe na devandita localidade. "Están a exercer un dereito democrático consagrado cos condicionantes que establece a lexislación electoral", subliñou.

Novo Consello

Do mesmo xeito, o órgano de dirección do BNG deulle o visto bon ao Plano de Traballo que a formación nacionalista debaterá na reunión constitutiva do novo Consello Nacional xurdido da XIII Asemblea Nacional, que se celebrará o vindeiro sábado.

Fonte e Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios