Martes. 15.06.2021
El tiempo

Diandra: “O crochet sérveme para desconectar do axetreo diario e a estimular a miña creatividade”

Diandra Sanches Dominguez e diandra_edelweiss no mundo do crochet
Diandra Sánchez Domínguez é diandra_edelweiss no mundo do crochet
Diandra: “O crochet sérveme para desconectar do axetreo diario e a estimular a miña creatividade”

Natural de Xallas, Cee, Diandra Sánchez Domínguez é a nova fichaxe da casa de las Valeria Lanas. Máis coñecida na rede como @didi_edelweiss, hoxe en día está afincada en Salceda de Caselas, Pontevedra, e bota moito de menos a súa terriña. Mentres estuda Educación Infantil, dalle moi ben ao crochet, de xeito que o era só un hobby agora pode convertirse en profesión.

Falamos con ela:

 Diandra Sanches Dominguez e diandra_edelweiss no mundo do crochet 2
  • QPC: Ola Diandra, a ver, cóntanos ese novo e importante fito da túa fichaxe para a casa de lanas Valeria Lanas. Como se xesta, en que consiste a fichaxe?

Valeria Lanas púxose en contacto comigo, ao ver os traballos que realizaba cas súas las a través do meu Instagram, e preguntáronme se me apetecería ser unha das deseñadoras dunha pequena revista de inverno “sempre nos quedará París”, dándome a liberdade de creación e facendo o que me inspirase a la nese intre. Eu por suposto aceptei, porque era unha gran oportunidade para min, e sempre lles estarei agradecida, non sendo este o último proxecto con eles, xa que me gustaría seguir creando máis ao lado de persoas que cren en ti dende o primeiro momento.

 
  • QPC: Cóntanos como comezaches ti neste mundo do crochet?

Comecei neste mundo fará agora tres anos, vendo en Pinterest e Instagram labores de ganchillo e calceta, e picoume a curiosidade porque sempre me pareceron cousas moi apreciadas as feitas a man.
Botando a mirada atrás, lembro que miña nai de pequena sempre me facía aplicacións a ganchillo para a roupa, flores e pinzas para o pelo, así como tamén a miña avoa por parte de pai, dedicou a súa vida á costura, tendo xa daquela un negocio familiar que desenvolvía na súa casa, dicíanlle Cas Lola, na que ela aprendíalles a coser ás mulleres e de paso creaba patróns e vendía vendía roupa. Por un lado ou polo outro, pode ser que os xenes algo teñan que ver ca miña devoción polo feito a man.

 

Para min todo empezou un día cando decidín mercar unhas agullas, e algo de la e poñerme a aprender a facer crochet, de feito comecei de maneira autodidacta vendo vídeos no youtube sobre como facer amigurumis e o mesmo tempo aprendendo calceta e facendo mostras de todos os tipos de punto que me encontraba polo internet.
Grazas as tecnoloxías de hoxe en día, estando motivado, podes conseguir toda a información que queiras a golpe de “clic”.

Avoa de Diandra
Unha foto da avoa de Diandra

  • QPC: Por que engancha tanto o mundo das bobinas e as agullas?

Para min esta actividade ofréceme moitas cousas positivas, é un medio que me serve para desconectar do axetreo diario e poder relaxarme e ao mesmo tempo que estimulo a miña creatividade, xa que hai un abanico moi grande de posibilidades, traballar con diferentes puntos, fibras, texturas, cores, sempre segues aprendendo cousas novas e que mellor que poder facer algo cas túas propias mans, mimando cada detalle.

 
  • QPC: Que é o que máis che gusta facer?

Realmente non teño nada predilecto, gústame facer de todo e variar moito, de feito na miña bolsa de labores sempre teño varios proxectos.

 Creacios de Diandra Edelweiss
  • QPC: Fixeches enchaixe de Camariñas algunha vez?

Aínda non tiven a oportunidade de practicalo, pero é algo que teño pendente a curto prazo, nada me gustaría máis que me ensinaran a facer o enchaixe, as mellores palilleiras en Camariñas.

 
  • QPC: Dinme que estudias educación infantil, pero… esperas vivir do crochet algún día?

Aínda que pareza unha actividade minoritaria, e a maioría de xente pense que só o practican as avoas, actualmente é un hobbies que está de moda no mundo da xuventude, e existe un gran número de crocheteras famosas no mundo da internet, polo que eu creo que é unha gran oportunidade que me gustaría aproveitar, nun futuro próximo, creando unha tenda online de las.

 
  • QPC: Cres que é posible?

Claro que si, e máis hoxe en día que esta actividade está en auxe e cada vez somos máis os interesados por este mundillo.

 

Os nenos é outra das paixóns que teño, agora mesmo estou compaxinando o traballo co estudo de educación infantil, porque é algo que me gusta moito, e tampouco lle diría que non a compaxinar as dúas cousas, os nenos e o crochet.

 
  • QPC: Que aporta o crochet para criar, para ensinar?

A min gústame moito o “método Waldorf” para as escolas infantís, no que se estimula aos [email protected] a traballar ca súa creatividade por medio do xogo. Este método ten un forte apoio nas artes e nas manualidades, onde aprenderían os nenos a facer ganchillo, calceta, bordado… dende ben pequenos, cousa que ten moitos beneficios para os nenos, como coordinación de movementos, orientación espacial, desarrollan a súa imaxinación e o mesmo tempo tamén utilizan as matemáticas.

 
  • QPC: Hai artesás ou artistas da Costa da Morte que che serviran de inspiración?

Todavía non tiven o pracer de coñecer artistas da Costa da Morte dedicados a este quefacer, aínda de que estou segura de que os hai, e gustaríame moito coñecelos.

 

comentarios