Martes. 19.03.2024
El tiempo

Un episodio que describe as consecuencias sociais desta pandemia

Unha senora en Cee
O episocio aconteceu no edificio situado en fronte do Mercado de Cee
Un episodio que describe as consecuencias sociais desta pandemia

O episodio acontecido esta pasada tarde-noite de domingo en Cee amosa ás claras consecuencias sociolóxicas de toda esta “pandemia”. Unha muller maior, diagnosticada con COVID, viviu unha fin de semana de desconcerto máximo, e acabo tirada na rúa sen que a veciñanza lle puidera axudar.

Unha situación paliada pola rápida actuación, xa en momentos de máxima emerxencia, da Policía Local e Protección Civil, ademais da Garda Civil e o 061, pero que demostra a falta de protocolos para tratar problemas socio-familiares derivados da situación covid.
Unha situación que pon de manifesto a complicada disxuntiva na que se atopa a nosa sociedade, tomada polo medo, que non se atreve a dar auxilio a unha muller dependente e indefensa, pero contaxiada.

A problemática deuse nun piso dun edificio situado na Avda. Fernando Blanco, onde viven 3 maiores, dúas irmás e o home dunha delas (o que está en mellor estado de saúde). Os tres daban positivo no test de PCR e teñen que confinarse en casa dende a pasada semana.
Pero o home, o máis activo dos tres, ten que ingresar ao empeorar o xoves pola mañá, deixando na casa ás dúas mulleres. Ese mesmo día a señora maior, unha muller que non se vale por si mesma, saía polas escaleiras do edificio, sen sequera conseguir acender a luz, pedindo axuda á veciñanza porque non sabe onde está o seu cuñado. A veciñanza confirma, falando co Hospital, que está ingresado pero que lle dan pronto a alta. Unha veciña acompaña á muller á casa e o home volve para casa pola noite.

Os Servizos Sociais do Concello, conscientes da situación tralo aviso dos veciñ@s, contactan con eles, e aseguran que tamén coa súa familia, entendendo que debería ser esta a que se ocupe de axudalos. Tamén avisan á Cruz Vermella, que envía unha persoa para levarlle medicinas o venres ao mediodía, ofrecéndolle axuda ao home da casa.

Pero o home volve empeorar e volve ser ingresado o mesmo venres.

O sábado a situación se complica ao empeorar a muller do hospitalizado, a irmá menor. A maior volve saír polas escaleiras pedindo axuda, e a veciñanza, sen abrir a porta, intenta contactar, sen éxito, cos teléfonos de Servizos Sociais municipais, e chama ao 112, que envía a ambulancia. Nese momento, cando a ambulancia traslada á irmá menor, a veciñanza trasládalle ás autoridades sanitarias que non deben deixar soa na casa á irmá maior, que é totalmente dependente.

Pero non se activa ningún protocolo. É certo que os sanitarios pasaron pola vivenda o domingo ao mediodía, pero pola tarde a veciñanza xa comezou a escoitar ruídos polas escaleiras. Aí volvía estar a señora, completamente desorientada, a escuras, sen que os veciños puideran saír a axudala.

”Sentimos unha impotencia máxima”

”Vendo á muller chamando, a escuras e sen máscara, á nosa porta, e non poder abrirlle… caíame a alma aos pés, a verdade. Tivemos un sentimento de impotencia total”, descríbenos un dos veciños co que puidemos falar. Veciños que, a través dun grupo de whastapp, estaban conectados para ver quen avisaba aos Servizos Sociais municipais, quen alertaba ao 112, ademais de informarse mutuamente das novidades da familia.

A muller consegue baixar ata a rúa, cruzou a estrada e caeu na beirrarúa. Varias chicas achegábanse para axudala, pero a veciñanza, dende as fiestras alertaban de que tiveran coidado, que estaba diagnosticada con covid. Pronto achegábase un Policía Local que estaba fóra de servizo e dous voluntarios de Protección Civil. E xa eran ás 20:00h, aproximadamente unha hora despois da caída, cando aparecen a Garda Civil e a Ambulancia, e levaban á muller ao Hospital.

Moitas reflexións poderíamos facer a raíz deste cruento episodio, que define o novo mundo no que vivimos, no que a sociedade deixa á súa sorte unha persoa moi maior, dependente e coas facultades moi mermadas, pero contaxiada.

Comentarios