Escola de Música Municipal de Cee empeza o seu 27º curso académico
Nesta primeira semana de outubro iníciase a actividade académica do novo curso 2023-24 na Escola de Música Municipal de Cee. Cúmprense 27 anos desde que se iniciara a ensinanza musical en Cee, alá polo ano 1996.
No presente curso, a Escola de Música de Cee conta con 10 profesores titulados superiores da materia que ensinan e impártense 13 especialidades instrumentais, materias teórico-prácticas desde os 5 anos de idade e conta cun grupo folk, un grupo pop, banda infantil e unha banda de música que serven para acoller a tódolos alumnos que se van formando na propia escola.
Unha banda de música que ten actividade musical durante todo o ano: pasacalles, procesións, concertos, gravacións. Precisamente neste ano 2023 cumpríronse 25 anos da formación da banda de música, celebrando esta data con distintos eventos. Sen dúbida o reencontrarse con antigos membros da banda para tocar todos xuntos un tema musical nas festas da Xunqueira, foi dos máis emotivos. Toda unha experiencia musical para os instrumentistas que a integran que lles permite tocar non só pola Costa da Morte, senón por toda Galicia.
A escola tamén incita aos alumnos formados na Escola de Música de Cee a ampliar e proxectar a súa formación musical, presentándose ás probas de acceso dos conservatorios profesionais e superiores da contorna, como son os de Carballo, A Coruña ou Santiago; presentándose a concursos dalgunha especialidade instrumental, como é o caso de varios alumnos que gañaron o certame de acordeón de Ponferrada; asistindo a cursos de perfeccionamento instrumental, etc.
Reunións
As persoas que queiran aprender a tocar un instrumento aínda están a tempo de apuntarse nas especialidades de clarinete, vento metal (trompeta, trompa, trombón, bombardino e tuba) e frauta.