As familias volveron denunciar en Cee os recortes no ensino con outra potente concentración
Non cesa a veciñanza da Costa da Morte na súa loita por reivindicar un ensino público digno, inclusivo e igualitario. Cando se cumple un mes dende o comezo de curso, estamos a vivir un momento histórico. Nunca antes vivíramos unha serie de concentracións contra a política educativa do PP na Xunta de Galicia, tan continuas e espalladas por toda a comarca. Dende A Laracha a Laxe, chegando ata Cee e Carnota, as familias están a deixar aparcadas as súas cores políticas e saen ás rúas nidas e comprometidas co dereito a ter unha ensinanza pública de calidade.
Despois de escoitar unha e outra vez o silencio ou mesmo as burlas dunha Consellería que entende os nenos como números, e que esquece unha e outra vez a importancia das Necesidades educativas Específicas, son máis dunha ducia de centros da comarca (Sardiñeiro, Muxía, Laxe, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Camelle, Cee, Carnota, O Pindo, A Laracha, Brens…) os que necesitan máis persoal, principalmente máis auxiliares de Pedagoxía Terapéutica, de Audición e Linguaxe e Coidadoras.
Pero como no rural estamos por riba dos ratios establecidos pola propia Xunta, as NEE non existen.
Se na mañá deste pasado xoves se concentraban ás portas do centro as familias, o profesorado e o alumnado do IES Agra Leborís da Laracha, e mañá o farán as familias de Laxe polo norte e as de Carnota polo sur esta tarde de 10 de outubro, eran as da comarca de Fisterra as que se xuntaban na Praza 8 de marzo de Cee, por segunda vez nunha semana, despois da histórica concentración do pasado venres.
Centos de persoas volveron levar o seu ánimo combativo e divertido á rúa, berrando arengas como "Menos números, máis recursos" e levando pancartas con aquelo de "Véndese O Ensino Público", ademais de ensinar as esixencias concretas dos Auxiliares.
Foi Mayka Cacheiro, presidenta da Fedanpas Costa da Morte, a que leu o manifesto, recibindo o aplauso de todas as familias
Máis novas sobre os recortes