As familias de Laxe convocan unha cacerolada de loito pola “morte da educación inclusiva”

Segue sen escoitar o Conselleiro de educación as masivas protestas das comunidades educativas da Costa da Morte en contra dos recortes. E iso que levamos un mes con portadas e portadas nos que recollemos as queixas das familias e dos centros de Sardiñeiro, Muxía, Laxe, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Camelle, Cee, Carnota, O Pindo, A Laracha, Brens…
A pesar do caso omiso da Xunta, as familias non desisten e seguen “enfrontándose a unha administración que parece tan ausente como o profesorado que non envía”. Continúan así con estas históricas mobilizacións, como as masivas folgas en Cee, Carnota, ou a exemplar, de 7 días lectivos, do Pindo: as tremendas concentracións no Pindo e en Cee; ou as visitas ao Parlamento da man do BNG ou do PSOE para darse de bruces coa crudeza da Xunta, e a súa teima de tratar ás crianzas coma se fosen números.
Hoxe xoves volve haber concentración en Cee, e o venres farán o propio as familias de Carnota. Tamén o fará, por segunda vez (xa o fixo a finais de agosto) a comunidade educativa de Laxe. A ANPA Cabo da Area de Laxe convoca a unha concentración este venres 11 as 19.00h na praza dos Voluntarios.
Cacerolada de loito
”Despois de dous meses de curso, o noso centro segue sen contar co profesorado de Audición e Linguaxe (AL) que tanto precisa”, sinalan dende a ANPA. “Parece que a administración prefire ignorar o problema, abandonando á súa sorte a aqueles que máis apoio necesitan”.
Piden que xente acoda con cacerolas para facer ben de ruido, de loito, pola “morte da educación inclusiva, vítima dunha neglixencia crónica por parte das autoridades”.
Auxiliares fundamentais
Dende a ANPA lembran que estes mestres de AL non son meros apoios, como algúns queren facernos crer, senón profesionais cruciais para o desenvolvemento, a integración e o benestar dos nosos fillos. E, sen embargo, aquí estamos, esixindo algo que debería ser un dereito básico, e non unha concesión. O conselleiro non se cansa de repetir que contamos cun PT de máis, coma se iso resolvese o problema, ¡Qué afortunados somos! Parece que non lle importan as diferenzas entre un PT e un AL, ou mellor dito, prefire finxir que non as entende”.
Sinalan tamén que o centro non cona cun PT en primaria, que corresponde por catálogo, e outro en secundaria por ser un CPI. “A falta de profesorado de AL supón unha brecha inxusta na súa formación e afecta tamén ao resto do alumnado e profesorado, pois un centro incompleto non pode ofrecer un ensino de calidade.E non só estamos a falar dos nenos e nenas que precisan AL, senón de todos”, deixan claro, ao tempo que avisan que seguirán loitando “por unha educación digna e inclusiva!”, e que “non deixaremos que a educación inclusiva se converta nun eslogan sen contido”.
Artigos relacionados
- Ester Vázquez Blanco: Moldeando o futuro
- Ester Vázquez Blanco: Tocan tempos de repensar o deteito á educación