Venres. 19.04.2024
El tiempo

Ferroatlántica tamén presenta no BORME a segregación das centrais ante o silencio de Feijóo

Ferroatlántica tamén presenta no BORME a segregación das centrais ante o silencio de Feijóo
Luis Villares co rexistro de Ferroatlantica no BORME na sesion de control do Parlamento Luis Villares co rexistro de Ferroatlantica no BORME na sesión de control do Parlamento

”Unha de dúas: ou que a Xunta de Galicia xa trasladou á empresa a intención de aceptar a solicitude presentada, ou que o que realmente manda é Villar Mir que nin tan sequera disimula esperando a resposta da Xunta de Galicia”. Así entende o grupo En Marea a nova situación do conflito unha vez que empresa Ferroatlántica presentaba hoxe mesmo no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil o rexistro da segreación das centrais hidroeléctricas do río Xallas. O grupo da oposición destapou na sesión de control de hoxe o devandito rexistro e o presidente da Xunta, lonxe de dar explicacións, adicouse a criticar á oposición chegando mesmo a responder: “dame igual o que poña no BORME”.

Os grupos da oposición volveron incidir a Feijoo a que aclare cal é a súa postura e volveron pedirlle que fale cos traballadores para darlles acceso ao expediente da empresa como piden, petición avalada pola Lei.

O voceiro de En Marea lamentou que para o Goberno de Núñez Feijóo “o interese xeral sexa devolver os favores aos que financian ilegalmente ao partido e non o mantemento dos postos de traballo en Ferroatlántica“. “A empresa está segura da segregación porque xa mercaron a resposta da Xunta de Galicia hai tempo cos 700.000 euros aportados para o financiamento ilegal do seu partido“ concluíu Luís Villares.

O PSOE acusa á Xunta de defender os intereses de Villar Mir

A deputada socialista Loli Toja acusou hoxe ao Goberno galego de defender os intereses de Villar Mir por diante dos dos veciños. Esixiu nunha pregunta que “vele polos intereses dos galegos e galegas, e lamentou a “falla de humanidade” do goberno galego diante dos centos de familias “preocupadas e vivindo o proceso sometidas á anguria e á incertidume”.

Lamentou que “non podemos confiar neste goberno”, mentres a empresa vai dando pasos cara a segregación e a venda das centrais.

O BNG tende a man a Feijoo

Ana Pontón estivo cos traballadores do Comité Ana Pontón estivo cos traballadores do Comité

Pola súa banda, o grupo do BNG, tamén moi activo neste caso, instou ofreceu ao presidente da Xunta “man tendida” para evitar o pelotazo de 255M€ que pretende o imputado Villar Mir coa venda das centrais dos Ríos Xallas e Grande e para preservar o emprego na plantas de Cee e Dumbría. Pediulle ademais a Feijoo que “non converta Ferroatlántica no seu particular Canal de Isabel II”.

Na sesión parlamentaria de control, a dirixente do Bloque pediu a Feijóo que non ceda “á chantaxe” de Villar Mir, investigado por suposto financiamento ilegal do PP na Operación Lezo, “porque é evidente que o único que pretende este empresario madrileño é coller a pasta e pirarse”. “Vai ser cómplice necesario nesa estafa, vai ser Ferroatlántica o seu particular Canal de Isabel II?”, interpelou.

Pontón, que estivo tamén falando cos traballadores, lembrou que o “salvavidas” para as plantas da Costa da Morte son as centrais, e reiterou a falta de credibilidade que ten Villar Mir e o seu Plan Empresarial.

O Comité critica o silencio de Feijoo

Ademais, o Comité lamenta que Feijoo non rexeite claramente os plans de Ferroatlántica mentres pon en cuestión as reivindicacións do Comité. Consideran os traballadores que as resposta do presidente da Xunta "son esquivas e non constitúen unha aposta clara pola defensa dos postos de traballo e pola non segregación das actividades de ferroalixes e produción enerxética. Nada novo, o goberno autonómico vén mantendo unha postura ambigua dende que se coñeceron publicamente as pretensións de Ferroatlántica de vender as centrais hidroeléctricas".

Lembra o Comité de empresa, que hoxe se trasladou a Santiago para asistir á sesión de control, que só piden "do Presidente da Xunta o mesmo que cando no ano 1992 o Grupo Villar Mir se fixo co complexo industrial da Costa da Morte: legalidade e xustiza".

Aproveitan para criticar o Plan da Empresa. "Non hai mellor plan industrial que o que temos actualmente. Non hai mellor garantía de continuidade dos empregos e da actividade nas fábricas que manter as concesións nas condicións actuais (concesións que, non cómpre esquecer, se prolongan até 2069). O mellor xeito de facer xustiza coa Costa da Morte pasa porque a empresa reinvista nas fábricas os millonarios beneficios xerados pola explotación dos aproveitamentos hidráulicos".

Novas do #CasoFerroatlántica

Artigos relacionados

  Fonte

Comentarios