A Galería Stoupa acolle a exposición póstuma do artista muradán Fernando Rei

Este ano a galería ceense Stoupa suspende a súa tradicional exposición colectiva estival titulada 'Stoupando' para facer unha cariñosa homenaxe ao falecido pintor muradán Fernando Rei cunha exposición póstuma das súas últimas obras.
"Fernando Rei", conta a súa amiga persoa e galerista de Stoupa Begoña Fernández, "abandonounos en outubro de 2023 cando estaba nunha lúcida madurez persoal coa súa mellor e máis prolixa etapa creativa, pero aínda quedaballe moito por explorar na súa marabillosa forma de expresión que era a pintura. As obras de Fernando Rei sempre tiveron un lugar destacado nas paredes de Stoupa, sendo moi participativo nos proxectos da galeria, gozando das reunións cos demais colaboradores e nas mostras de cada fin de ano en 'Stoupidos'. Quizais por iso tamén tivo a previsión de facer unha selección de pasteis para unha exposición póstuma da súa obra, que desexou mostrala en Stoupa, onde, en palabras de Concha Martínez, a súa dona, foi moi feliz".

A colección compóñena 16 pinturas orixinais únicas en pastel, polo que os interesados en adquirir algunha destas obras deben apresurarse en visitar Stoupa, aínda que non poderán levalas ás súas casas ata o remate da exposición a finais de setembro. "Nada é real na pintura, nin tampouco na obra de Fernando Rei. Pero el foi quen de establecer un diálogo íntimo e delicado coa súa obra e co espectador. Triangulou eficazmente os tres ei- xos da creación (a realidade, a mirada creadora do artista e a mirada receptor do observador)", explica a galerista.
"As pinceladas e os trazos de Rei singularizan os elementos aos que dá vida co seu pincel: o mar líquido, os reflexos, a quietude, o devir das embarcacións a mercé das ondas, a espera... Todo o conxunto convida o espectador a sentir e reflexionar ante unha pintura delicada e sensual".
Esta mostra das últimas obras do pintor falecido estarán en exposición e venda en Stoupa desde o 26 de xullo ata o 30 de setembro en Cee en horario de martes a sábado de 10 a 14 h e a calquera hora do día con cita previa no teléfono 661436483.