Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Guadalupe Vázquez Formoso fixo voar ducias de Saltaríns

Foto presentación Voa, Saltarín en Cee 3 copia
Guadalupe Vázquez Formoso fixo voar ducias de Saltaríns

Gran acollida, con máis de 100 persoas, tivo a presentación de Guadalupe Vázquez Formoso, do segundo conto bilingüe de “Saltarín, Voa, Saltarín, ata a Fin da Terra! Fly, Little Grasshopper, to the End of the World!”. A docente no colexio Manuela Rial de Cee fixo viaxar a ducias de familias no auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura de Cee con este libro apoiado e financiado pola Xunta de Galicia e Turismo de Galicia.

O acto iniciábase cunha presentación da alcaldesa Margarita Lamela, que ademais agasallaba ao fillo de GUadalupe, que ademais de coautor do libro, foi gañador hai uns meses o primeiro premio no concurso de ámbito nacional Tú eres Luz para el Mundo, de Infancia Misionera. A

A intervención de Guadalupe Vázquez foi dinámica e didáctica, na mesma liña de aquela que fixera do primeiro conto, Chouta, Saltarín! Hop, Little Grasshopper!, hai uns meses sobre o mesmo escenario da casa de cultura de Cee. Destacou novamente a importancia de tres aspectos básicos que conteñen ambos contos: o movemento, as emocións e as linguas – ambos son libros bilingües en galego e inglés – e engadiu que este segundo conto supón “un canto de amor á Terra”, á vez que pretende animar aos máis pequenos a que fagan realidade os seus soños e darlles ás para conseguilo, “darlles ás para voar”, como di a autora. O público puido, ademais, ver e escoitar na pantalla o vídeo do conto en ambas linguas, coas voces da autora e do seu fillo Antón, que poñía a voz de Saltarín.

O conto ía acompañado da música do director da Escola de Música Municipal de Cee, Fernando Fraga, a quen Guadalupe agradeceu xunto a outras moitas persoas, empresas e entidades entre as que cabe destacar o Concello de Cee, a Xunta de Galicia, o Cluster de Turismo de Galicia, a Asociación Monte Pindo Parque Natural, as dúas imprentas encargadas de darlle forma física ao conto: a imprenta Paco de Cee e a imprenta Brinco de Santiago de Compostela, o colexio Manuela Rial, “a través do cal teño o enorme privilexio de traballar a diario cos nenos e nenas, que son aos que moi especialmente debo mencionar hoxe aquí, pois sen eles estes libros, este acto de presentación, non terían razón de ser.” Agradeceu, ademais, moi especialmente, ao seu pai, quen lle inculcou o seu amor pola literatura e pola Terra, sobre todo naqueles anos nos que a autora viviu cos seus pais e a súa irmá nos Estados Unidos.

Aproveitou a autora tamén para falar do seu próximo proxecto, outra aventura de Saltarín, esta vez ambientada no Monte do Pindo e que ten como protagonistas ao saltón e ao Xigante da Mina, e adiantou unhas imaxes inéditas do mesmo, que foron moi aplaudidas polo numeroso público asistente.

Novas relacionadas

Comentarios