Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A mestra Guadalupe Vázquez leva a pequenos e grandes ata a Fin da Terra co seu segundo conto “Saltarín”

Guadalupe Vazquez na fin da terra
Guadalupe Vazquez na fin da terra
A mestra Guadalupe Vázquez leva a pequenos e grandes ata a Fin da Terra co seu segundo conto “Saltarín”

Vén de presentalo en Carnota no marco das Xornadas do Libro Galego da Libraría Chorima. Pero hoxe queremos profundizar máis sobre o novo libro de Guadalupe Vázquez Formoso. Esta carnotana (1981) e mestra no CPR Manuela Rial Mouzo de Cee vén de publicar, da man da Xunta de Galicia, a segunda aventura de “Saltarín”.
Fará ademais unha nova presentación o vindeiro 18 de agosto ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Cee. Cada asistente ao acto recibirá un exemplar gratuíto e, se o desexa, dedicado pola propia autora e o seu fillo de 8 anos, Antón, quen axudou cos debuxos, texto e audio do conto.

A autora explica que este segundo libro, de título completo “Voa, Saltarín, ata a Fin da Terra! - Fly, Little Grasshopper, to the End of the World!”, tamén bilingüe en galego e inglés e de marcado contido pedagóxico, “está pensado, igual que o anterior, para que os nenos e nenas aprendan a través do xogo e o movemento, dándolles incluso as ferramentas para poder voar, e non só voar senón recorrer as galaxias e o universo enteiro se fai falta, á vez que supón un canto de amor á terra que pretende dar a coñecer aos máis pequenos as súas raíces.”

O conto, unha continuación do anterior “Chouta, Saltarín! Hop, Little Grasshopper!”, que fora tan ben acollido que en pouco tempo se esgotaran todos os exemplares, vai complementado por unha versión en vídeo xa dispoñible na canle Youtube, con música do mestre da Escola de Música do Concello de Cee, Fernando Fraga.

A autora adianta que “hai xa unha terceira aventura do noso saltón cocéndose no forno”, a de Saltarín camiñando “con pasos de xigante” no Monte do Pindo, na súa terra nai do concello de Carnota.

Novas relacionadas

Comentarios